A Valedora do Pobo acolle a presentación do informe anual sobre a discriminación contra a comunidade xitana da Fundación Secretariado Gitano

A Fundación Secretariado Gitano presentou hoxe o seu informe anual na sede da Valedora do Pobo. Esta publicación, que vai xa pola súa 19ª edición, recolle os casos de discriminación contra persoas de etnia xitana que atendeu en 2022 no marco do Servizo de Atención ás Vítimas de Discriminación Racial ou Étnica. Este servizo está dispoñible a través do teléfono 021, entre outras canles de comunicación.

Zaida Giménez, técnica de Igualdade da fundación, resaltou que os xitanos e as xitanas son cada vez máis conscientes dos seus dereitos e da necesidade de denunciar os casos de discriminación que lles afectan. Así, o secretariado rexistrou 532 casos, que afectaron en maior medida as mulleres xitanas. A fundación préstalles atención especializada a través do Programa Calí e elaborou tamén unha Guía sobre discriminación interseccional.

A discriminación interseccional foi precisamente o tema que centrou a intervención da valedora do pobo, quen inaugurou o acto. Fernández Galiño recoñeceu que a lexislación avanzou para atallar moitas causas de discriminación. Con todo, afirmou que lles corresponde aos poderes públicos e á sociedade dar resposta a aqueles casos en que estes factores se entrelazan. Isto acontece, por exemplo, cando a unha muller xitana a discriminan por ser muller e por ser xitana, co que se atopa nunha situación que non é equiparable nin á das mulleres non xitanas nin á dos homes xitanos.

Finalmente, a valedora mantivo un encontro coas persoas xitanas que asistiron á presentación. Nel, relatáronlle como enfrontan os prexuízos cos que se encontran na súa vida cotiá. En concreto, detectan que, en ocasións, a Administración é máis rigorosa á hora de aplicarlles os requisitos para realizar un trámite, como o empadroamento, ou para acudir a un servizo, como as urxencias sanitarias.

resultouche interesante?, comparte este artigo nas túas Redes Sociais.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest