Control da transparencia

A entrada en vigor o 7 de marzo de 2016 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno que, no seu capítulo V, regula os mecanismos de control necesarios para o cumprimento das obrigas de transparencia, atribuiu á institución da Valedora do Pobo responsabilidades nesta materia. A norma implica dobremente á institución da Valedora do Pobo ao lle encomendar as funcións propias do Comisionado da Transparencia e ao adscribirlle á denominada Comisión da Transparencia como órgano colexiado independente que resolve as reclamacións relacionadas cos problemas de acceso á información pública.

Comisionado da transparencia

Como Comisionado da Transparencia, a institución da Valedora do Pobo ten a misión de investigar posibles incumprimentos nos que poidan incorrer os poderes públicos no desenvolvemento das súas obrigas de publicidade activa de información pública, ben a iniciativa propia ou por denuncia da cidadanía.

Funcións específicas

Responder a consultas: dar resposta ás consultas que, con carácter facultativo, sexanlle formuladas polas administracións e institucións públicas afectadas pola lei.

Recomendar: adoptar recomendacións para o mellor cumprimento das obrigas legais en materia de transparencia e bo goberno, oída a Comisión da Transparencia.

Asesorar: asesorar en materia de transparencia do dereito de acceso á información pública e bo goberno.

Informar: por medio dunha dobre vía: emitir informes previos sobre proxectos de lei ou de regulamentos en materia de transparencia e bo goberno (oída a Comisión da Transparencia) e incluir no informe ordinario anual da Valedora do Pobo ao Parlamento de Galicia unha epígrafe específica sobre a aplicación e cumprimento da lei galega de transparencia.

Vixiar o cumprimento das obrigas de publicidade activa: Efectuar, por iniciativa propia ou por mor de denuncia, requirimentos para a emenda dos incumprimentos que se poidan producir das obrigas establecidas en materia de publicidade activa previstas na lei.

Publicitar: o informe anual que a Valedora do Pobo presente no Parlamento de Galicia porase a dispor da cidadanía na web institucional e no portal autonómico de transparencia e goberno aberto

Necesitas facernos unha solicitude?

* Co envío do presente formulario fago DECLARACIÓN RESPONSABLE da subscrición persoal da solicitude para os efectos do previsto no artigo 18.1 da Lei 6/1984, do 5 de xuño, do Defensor do Pobo, e de que os datos achegados son certos. A falsidade na declaración responsable respecto da subscrición da solicitude e os datos pode dar lugar ás responsabilidades que se prevén para este tipo de comportamentos.

Se o prefires podes descargar o formulario e envialo máis tarde

Descarga o noso formulario e enche a información da maneira máis completa posible. Podes facernos chegar a túa solicitude por fax, e-mail, correo postal ou en persoa.

Formas de facer unha solicitude

Cumprimente o formulario cos seus datos persoais e toda a información asociada da forma máis completa posible. Pode tamén achegar documentación e enviárnola a valedor@valedordopobo.gal.

Envíe un fax a:

Valedora do Pobo

N. fax: 981 572 335

Envíe unha carta a:

Valedora do Pobo

Rúa do Hórreo 65

15700 Santiago de Compostela

Pode dirixirse á sede da Valedora do Pobo, onde será amablemente atendido.

Rúa do Hórreo, núm. 65

Santiago de Compostela

Horario de 9.00 h. a 14.00 h de luns a venres e de 16.30 a 19.00 horas de luns a xoves

* Os datos recolleitos nos nosos ficheiros informatizados, a partir dos facilitados por vostede, son confidenciais e só poderán ser utilizados para a investigación da súa petición e para o envío de información en relación coa mesma.

De acordo coa Instrución da Valedora do Pobo do 24 de Marzo de 1997 (DOG 18-04-1997), conforme ao previsto na Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de Protección de datos de carácter persoal, vostede ten dereito a solicitar que lle sexan consultados, actualizados ou cancelados todos os datos facilitados.

Comisión da transparencia

A Comisión da Transparencia é un órgano colexiado independente adscrito á institución da Valedora do Pobo

Función específica: Resolver as reclamacións fronte ás resolucións de acceso á información pública.