Inicio » A Valedora do Pobo
Nacida o ano 1963, é licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela (1981-1986) e diplomada en Práctica Xurídica pola Universidade de Santiago de Compostela (1985-1986).
En 1989 superou as oposicións de ingreso na carreira xudicial e tamén as oposicións de ingreso na carreira fiscal.
Na carreira xudicial estivo destinada, de 1990 a 1992, no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 1 de Ponteareas. Ascendeu en 1992 á categoría de maxistrada, con destino de 1992 a 2001 no Xulgado do Social nº 2 de Pontevedra. Desde 2001 estivo destinada na Sección 2ª da Audiencia Provincial da Coruña.
Na Carreira Fiscal atópase, desde o seu ingreso, coa categoría de avogada-fiscal, en excedencia.
Ten recoñecida a especialización de Dereito Civil de Galicia.
A Valedora do Pobo será elixido/a polo Parlamento de Galicia para un período de cinco anos.
Poderá ser elixido valedor/a calquera cidadán ou cidadá que goce da condición política de galego, se atope en pleno goce dos seus dereitos civís e políticos e coñeza os idiomas oficiais de Galicia.
A proposta da candidatura será realizada pola Comisión de Peticións ao Pleno do Parlamento de Galicia. Para estes efectos será suficiente a maioría simple para a adopción de acordos da Comisión.
Proposto o/a candidato/a ou candidatos/as convocarase, nun prazo non inferior a quince días, o Pleno do Parlamento para que proceda á elección.
Será designado quen obtivese unha votación favorable das tres quintas partes dos membros do Parlamento.
No caso de que ningún candidato/a alcanzase a maioría establecida no apartado anterior, procederase pola Comisión de Peticións, no prazo máximo dun mes, á formulación de sucesivas propostas das correspondentes votacións ata a obtención da maioría sinalada.
O nomeamento da Valedora do Pobo será acreditado polo Presidente do Parlamento e publicado no «Diario Oficial de Galicia».
A persoa titular da Valedora do Pobo tomará posesión do seu cargo ante a Mesa do Parlamento, dentro dos quince días seguintes á publicación do seu nomeamento. Prestará xuramento ou promesa de fiel cumprimento das súas funcións.
En máis de 30 anos de historia, foron 4 as persoas que dirixiron a institución da Valedora do Pobo: José Cora, José Ramón Vázquez Sandes, Benigno López González e Milagros Otero Parga.
José Cora Rodríguez
Foi elixido Valedor do Pobo en sesión plenaria do Parlamento de Galicia o 1 de xuño de 1990. O 13 de xuño tomaba posesión como primeiro Valedor do Pobo, exercendo esta responsabilidade por un total de 10 anos, período no cal se inaugurou a actual sede do Valedor na Rúa do Hórreo, 65.
A elección deste ex-presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia como primeiro valedor, foi o resultado dun acordo entre os dous grupos maioritarios, PP e PSdeG-PSOE, que incluíu a designación de José Carlos Rodríguez e Celso Montero como vicevaledores.
Este pacto supuxo o desenvolvemento da lei que estaba pendente dende a súa aprobación en 1984. O Defensor do Pobo, Gil Robles, actuou como padriño na súa toma de posesión unha semana despois. Cora recibiu no seu primeiro día de traballo sete reclamacións, que se uniron a outras vinte e unha pendentes
Na súa despedida, a Cámara viviu unha situación nada habitual, con todos os deputados postos en pé dedicándolle unha longa ovación. Cora presentou o seu último informe correspondente ao ano 1999 e aproveitou a ocasión para realizar balance do traballo que despregara ao longo da década. O alto comisionado ponderou naquel momento a consolidación e o recoñecemento da institución e lamentou a pervivencia das súas denuncias máis habituais. Os portavoces dos tres grupos aplaudiron a súa obxectividade e recoñeceron a súa independencia no traballo realizado.
José Ramón Vázquez Sandes
Tomou posesión o 1 de marzo de 2002, rematando o seu mandato en marzo de 2006
José Ramón Vázquez Sandes exerceu como Alto Comisionado do Parlamento de Galicia un lustro, en concreto foi nomeado Valedor do Pobo o 19 de febreiro de 2002 e tomou posesión o 1 de marzo do mesmo ano. Acabou o mandato en marzo de 2006, aínda que exerceu un ano máis en funcións o posto pola falta de consenso na procura dun sucesor.
Benigno López González
Benigno López González foi nomeado Valedor do Pobo o 17 de xullo de 2007 e tomou posesión o 22 de xullo dese mesmo ano. O 15 de maio de 2012, pouco antes de expirar o seu mandato de 5 anos, presentou a dimisión.
O ata entón maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, converteuse no terceiro Valedor do Pobo co apoio unánime de toda a Cámara. A súa toma de posesión tivo lugar durante un solemne acto celebrado no Salón dos Reis do Parlamento de Galicia, coa asistencia do entón presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. A presidenta do Parlamento, Dolores Villarino, destacou na súa intervención a boa valoración desta figura estatutaria que poñen as institucións ao servizo dos máis débiles.
Período de interinidade
Tras o cesamento de Benigno López González, houbo un período de interinidade no Valedor do Pobo, que durou desde o 24 de maio de 2012 ao 2 de setembro de 2015.
Por medio dunha resolución do 24 de maio de 2012, da Presidencia do Parlamento de Galicia (DOG número 99 do 25 de maio de 2012, páxina 19861) atribuíu o desempeño das funcións de Valedor do Pobo interinamente ao que entón ocupaba o posto de Vicevaledor Primeiro, José Julio Fernández Rodríguez.
Milagros Otero Parga
Elixida o 3 de agosto de 2015, tomou posesión o 2 de setembro de 2015, posto que ocupou ata o 23 de xullo de 2019.
Milagros Otero Parga naceu en Santiago de Compostela en 1960. É doutora en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela desde 1987.
É autora de libros e artigos publicados en revistas nacionais e internacionais, principalmente en cuestións de axiología xurídica, dereitos humanos, historia do pensamento xurídico, argumentación xurídica e mediación.
É profesora convidada nalgunhas das máis prestixiosas universidades de Buenos Aires, Santiago de Chile, Sao Paulo, Quito e Montevideo, así como en numerosas universidades mexicanas. Neste país, é asesora académica da Comisión de Dereitos Humanos do Estado de México e da Escola Xudicial do mesmo Estado. Este último organismo nomeouna tamén Magister Honoris Causa.
É a primeira muller académica numeraria da Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación, a primeira muller decana da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela, e a súa primeira catedrática de Filosofía do Dereito. Ten no seu poder a Medalla de Prata de Galicia, a Insignia de Ouro da Facultade de Dereito, e a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago.
Foi Valedora do Pobo desde 2015 a 2019.
Na actualidade, é catedrática de Filosofía do Dereito da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela.
Queres visitarnos?
Rúa do Hórreo, 65.
Santiago de Compostela
A Coruña (España)
15702
De 9.00 a 14.00 e de 16:30 a 19.00
(de luns a xoves)
Venres de 9.00 a 14.00
Horario de verán