A Institución

Valedora do Pobo

A Valedora do Pobo é unha das institucións básicas e máis emblemáticas de cantas recolle e regula o Estatuto de Autonomía de Galicia. No contexto dunha Comunidade Autónoma nacente, o lexislador quixo crear un mecanismo de control (figura estatutariamente relevante) dos dereitos da cidadanía galega e de supervisión dos defectos máis comúns da administración autonómica.

Un pouco de historia

O Pleno do Parlamento de Galicia, na sesión celebrada o día 30 de maio de 1990, elixiu ao primeiro Valedor do Pobo. A toma de posesión tivo lugar o 8 de xuño dese ano, nun acto organizado para o efecto, ante a Mesa do Parlamento de Galicia e coa asistencia do presidente da Xunta de Galicia, o Defensor do Pobo, así como dos titulares das institucións semellantes das comunidades autónomas.

A pesares de que a lei reguladora do alto comisionado parlamentario fora aprobada o 5 de xuño de 1984, non foi ata este momento cando se iniciou o proceso encamiñado á posta en marcha da institución cunha dobre preocupación desde os seus comenzos: atender ás queixas que lle ía presentando a cidadanía e, en segundo lugar, conseguir unha axeitada e eficaz organización da oficina do Valedor.

Nos seus inicios, e grazas á colaboración do Parlamento de Galicia, desde a toma de posesión se habilitou un espazo no Pazo do Hórreo para que o titular e o seu equipo de colaboradores cumpriran co seu desempeño. Estivo ubicado na ala frontal do actual edificio.

Para dotar á oficina de funcionarios, tanto o Parlamento de Galicia como a Xunta permitiron a adscrición de persoal que prestaba servizos nas súas respectivas administracións. A 31 de decembro de 1990 a institución contaba con 2 asesores, 1 xefe de servizos administrativos, 2 auxiliares e un conductor.

Funcións da Valedora

A posibilidade de creación e organización dunha institución similar ao Defensor del Pueblo recóllese no Estatuto de Autonomía de Galicia, en concreto, no seu artigo 14. Esta posibilidade fíxose efectiva a través da Lei 6/1984, do 5 de xuño, da Valedora do Pobo.

  • Garantimos o cumprimento dos dereitos humanos.
  • Supervisamos a actuación da administración pública.
  • Resolvemos as queixas que a cidadanía nos expón.
  • Investigamos de oficio os supostos de mala administración.
  • Realizamos informes extraordinarios sobre temas de especial interese.
  • Creamos actuacións específicas, consultivas, divulgativas e de asesoramento.
  • Presentamos informes ordinarios no Parlamento de Galicia sobre a nosa actividade.

No control da transparencia…

  • Respondemos as consultas formuladas polas administracións e institucións públicas.
  • Adoptamos recomendacións (ouvida a Comisión da Transparencia) para o mellor cumprimento da lei.
  • Asesoramos sobre o acceso á información pública e o bo goberno.
  • Emitimos informes previos sobre proxectos de lei e regulamentos (ouvida a Comisión da Transparencia).
  • Efectuamos requirimentos para a emenda dos incumprimentos en materia de publicidade activa.
  • Resolvemos, por medio da Comisión da Transparencia, reclamacións fronte ás resolucións de acceso á información pública.

Ademais…

  • Velamos pola igualdade de trato e a non discriminación de persoas lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais de Galicia.
  • Defendemos os dereitos sanitarios da cidadanía galega.
  • Defendemos con carácter específico dos dereitos da infancia e da adolescencia.