Inicio » A Adxunta
Nada en 1952. Licenciada en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo. Xornalista e escritora, desde 2019 é adxunta a Valedora do Pobo.
Entre 1987 e 2009 foi, en diferentes etapas, concelleira en Vigo; parlamentaria galega; deputada nas Cortes españolas, membro das Asambleas parlamentarias do Consello de Europa e da Unión Europea Occidental e primeira delegada da Xunta de Galicia no exterior (Arxentina e Uruguai). Como xornalista, desde 1972 ata 2019 traballou en prensa, radio, tv e comunicación corporativa.
Como xestora cultural foi directora xerente de INCOLSA, do Museo del Ferrocarril de Madrid e da comunicación corporativa da Fundación de los Ferrocarriles Españoles e directora do Centro de documentación en igualdade e feminismos do CCG. Ten publicado numerosas obras de biografía, ensaio e narrativa.
Segundo a Lei 6/1984, do 5 de xuño, da Valedora do Pobo, esta estará auxiliada por unha adxunta en quen poderá delegar as súas funcións e que a substituirá no exercicio destas.
A Comisión de Peticións do Parlamento de Galicia proporalle á Valedora do Pobo o nomeamento da adxunta. O nomeamento e o cesamento correspóndenlle á Valedora do Pobo e publicaranse no Diario Oficial de Galicia.
A adxunta deberá reunir as condicións establecidas no artigo 3.1 da mesma lei, gozará durante o exercicio das súas funcións de todas as prerrogativas e garantías recoñecidas no artigo 6, e estará sometida ao réxime de incompatibilidades preceptuado no artigo 7.
O Regulamento de organización e funcionamento da Valedora do Pobo preceptúa que á adxunta corresponderanlle as competencias seguintes:
a) Exercer as funcións da Valedora do Pobo nos casos de delegación ou substitución previstos na lei da propia institución e nos demais que procedan.
b) Dirixir a tramitación, comprobación e investigación das queixas formuladas e das actuacións que se inicien de oficio, propóndolle á Valedora a admisión a trámite ou o rexeitamento delas e as resolucións que se consideren procedentes, levando a cabo as actuacións, comunicacións e notificacións correspondentes.
c) Colaborar coa Valedora nas relacións co Parlamento de Galicia e coa súa Comisión de Peticións, así como na coordinación das actuacións co Defensor del Pueblo e cos órganos similares doutras comunidades e na cooperación con eles.
d) Preparar e proporlle á Valedora do Pobo o informe anual e os informes extraordinarios que deban ser elevados ao Parlamento de Galicia.
e) Asumir as demais funcións que se lles encomenden conforme a lei da institución e este regulamento.
Corresponderalle acordar á Valedora do Pobo ou a adxunta, nos supostos de delegación ou substitución, a admisión, o rexeitamento e a resolución última das queixas formuladas.
A Valedora do Pobo poderá en todo momento abocar para se o coñecemento, a dirección ou o tratamento de calquera queixa ou investigación.
Queres visitarnos?
Rúa do Hórreo, 65.
Santiago de Compostela
A Coruña (España)
15702
De 9.00 a 14.00 e de 16:30 a 19.00
(de luns a xoves)
Venres de 9.00 a 14.00
Horario de verán