O acoso escolar, a debate co Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia

“A invasión do espazo persoal máis íntimo”, “encerrar alguén en si mesmo e impedir que poida florecer a súa personalidade” e “un lugar do que podes escapar, pero nunca esquecer”. Con estas tres definicións, Beatriz Comesaña, vogal do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia, ilustrou a problemática do acoso escolar, que centrou a reunión que mantivo o Consello coa valedora do pobo o pasado martes. Un fenómeno que, como destacou Juan Vázquez, tamén membro dese órgano, “lle afecta á maioría da infancia e adolescencia galega, pois case todos foron ou vítimas, ou acosadores ou cómplices”.

O encontro permitiulles a estes mozos dar conta dos casos máis próximos que coñecen e expoñer as súas reivindicacións na materia (accesibles aquí). Defenderon a importancia de que todas as persoas que integran a comunidade educativa (profesorado, alumnado e familias) conten con formación personalizada e de calidade sobre esta cuestión. Deste xeito, afirman que os estudantes saberían como reaccionar ante estes casos e que se igualaría a forma en que actúan os centros educativos, que consideran que é moi variable. En definitiva, trátase de proporcionar as ferramentas necesarias para atallar estas situacións desde un comezo, antes de que se agraven.

A valedora do pobo manifestou a súa preocupación con respecto a esta situación, sobre a que a institución recibe un número de queixas considerable. Dolores Fernández defendeu a necesidade de darlles visibilidade aos casos de acoso escolar e de proporcionarlles solucións ás persoas acosadas, que adoitan verse obrigadas a cambiar de centro. Finalmente, a alta comisionada felicitou o Consello polo seu traballo e emprazouno para seguir colaborando.

O Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia

O Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia constituíuse en abril de 2023. Compóñeno 30 nenos e nenas, de entre 8 e 17 anos, propostos polos consellos locais de participación infantil que coordina Unicef, a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia e o Sistema de protección de menores da Xunta de Galicia. Estes vogais reúnense periodicamente para tratar temas que os atinxen, como a protección fronte á violencia ou a promoción da igualdade, e expresan e propóñenlle as súas ideas á Administración autonómica.

resultouche interesante?, comparte este artigo nas túas Redes Sociais.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest