Dano Cerebral Galicia presenta as súas reivindicacións para a próxima lexislatura do Parlamento de Galicia na Valedora do Pobo

O pasado venres, a Valedora do Pobo acolleu a presentación do decálogo de reivindicacións de Dano Cerebral Galicia para a próxima lexislatura. O acto tamén serviu para presentar o novo nome da ata agora Federación Galega de Dano Cerebral (Fegadace). O seu presidente, Luciano Fernández, destacou que, con esta nova denominación, pretenden facilitar a identificación das asociacións centradas no dano cerebral adquirido e fomentar a unidade entre elas.

Montserrat Terceiro, membro da Rede de Cidadanía Activa de Dano Cerebral Galicia, expuxo as peticións que a entidade considera prioritarias para a nova lexislatura do Parlamento de Galicia. Estas demandas céntranse en eidos como a atención e coordinación sociosanitaria, a promoción da vida independente e a desinstitucionalización ou a accesibilidade universal. Ademais, instaron a creación dunha comisión permanente sobre discapacidade na Cámara.

A valedora do pobo, Dolores Fernández, destacou que os poderes públicos son garantes do dereito a unha vida digna. En consecuencia, defendeu poñer as persoas que están nas marxes e que non gozan plenamente dese dereito, como as persoas con dano cerebral, no centro das políticas públicas. Así, non deixando ninguén atrás, é a única forma en que podemos avanzar como sociedade, afirmou a alta comisionada.

O acto contou coa presenza de representantes dos grupos parlamentarios, da Administración autonómica, nomeadamente nas áreas de Política Social, Igualdade e Sanidade, de colexios e entidades profesionais, do terceiro sector de acción social e das asociacións de dano cerebral federadas ao acubillo do paraugas de Dano Cerebral Galicia.

resultouche interesante?, comparte este artigo nas túas Redes Sociais.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest