O estudantado galego-portugués da raia miñota é un vivo exemplo de convivencia e constancia para manter e facer medrar o legado inmaterial da cultura común. Velaí o seu alento para seguiren a traballar na cultura da paz, da defensa do patrimonio inmaterial que supoñen a lingua, os costumes, as tradicións… e para favoreceren a súa identificación por toda a sociedade mediante a divulgación e a extensión do seu coñecemento. Así o veñen facendo desde os medios de comunicación convencionais e dixitais, sucesivas vagas de estudantado de ambas as beiras que valorizaron o patrimonio compartido e apostaron pola implicación interxeracional na súa conservación e afortalamento.
As fronteiras responden a decisións administrativas e políticas. Superalas é, porén, froito do recoñecemento das coincidencias que irmandan e nos unen. Así o acreditou a UNESCO hai sete anos cando considerou a Ponte… nas ondas! como a única organización non gobernamental galega consultora para o Patrimonio Cultural Inmaterial.
Velaí algunhas das razóns máis salientables polas que desde a institución da Valedora do Pobo cremos nesta proposta que naceu hai xa vinte e sete anos. Razóns polas que expresamos o agradecemento á súa vontade de coidar e proxectar cara ao futuro o noso patrimonio inmaterial cultural compartido.
Daquela, Ponte… nas ondas! é merecente, por dereito propio, de figurar no Rexistro de Boas Prácticas de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) da Unesco.
Santiago de Compostela, novembro de 2022