Comunicado da Valedora do Pobo no Día internacional da muller

Hoxe, 8 de marzo de 2023, fanse 113 anos da celebración do primeiro Día Internacional da muller, en 1910. Medio século antes, ficou na historia dos avances a prol da igualdade unha manifestación de operarias da industria téxtil nos Estados Unidos para denunciar a precariedade das condicións de traballo, os horarios abusivos e a discriminación salarial. Fora o primeiro acontecemento vinculado ao proceso para acadar a igualdade entre mulleres e homes que tivo repercusión internacional.

Naquela altura, Concepción Arenal e Rosalía de Castro xa demostraran a súa inquedanza a prol da igualdade con exemplos que perviven a día de hoxe. A primeira, como defensora a ultranza do dereito a educación das mulleres, asistindo á universidade camuflada de home. A segunda,  escribindo o seu famoso poema “Lieders” onde dicía “eu son libre. Nada pode protexer a marcha dos meus pensamentos, e eles son a lei que rexe o meu destino”. Anos despois, Emilia Pardo Bazán proclamábase como “unha radical feminista; todos os dereitos que ten un home debe telos a muller”.

Vaia esta referencia histórica para enmarcar unha reflexión, que só pode ser positiva, arredor do longo camiño aberto cara á consolidación dos dereitos humanos das mulleres que, nunha efeméride coma a de hoxe, se pode facer. Fallan moitas cousas por conseguir a igualdade e, sobre todo, por estenderse por todo o mundo, máis é innegable todo o conseguido. O camiño está marcado e forma parte da axenda irrenunciable nas sociedades democráticas, onde o dereito ao sufraxio, á educación, ao divorcio, ao control da natalidade ou a igualdade de oportunidades, entre outros que garanten dereitos inalienables, non esgotan nin limitan as novas arelas que se corresponden cos cambios sociais.

Na Valedora do Pobo valoramos os avances e traballamos para axudar a corrixir  os desaxustes, sendo conscientes de vivirmos un momento de transformación social sen precedentes –que se ten de espallar por todo o mundo– a prol da convivencia igualitaria, respectuosa e colaborativa da cidadanía toda.

resultouche interesante?, comparte este artigo nas túas Redes Sociais.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest