“Coñécenos”: 8 de abril, Día Internacional do Pobo Xitano

Hoxe celébrase o Día Internacional do Pobo Xitano, que, de acordo coa Fundación Secretariado Gitano, pretende lembrar a súa historia e “render homenaxe ás vítimas xitanas das distintas persecucións ao longo dos séculos”. A campaña deste ano interpela a sociedade para que coñeza o pobo xitano, que o secretariado considera “o gran descoñecido”.

Aínda que a exclusión que enfronta o pobo xitano se vai reducindo, o progreso é “demasiado pequeno e demasiado lento”, en palabras da Axencia da Unión Europea para os Dereitos Fundamentais. De feito, o 80 % da poboación xitana enfróntase á pobreza e á exclusión social en España, o que provocou a preocupación do relator especial das Nacións Unidas sobre a pobreza extrema e os dereitos humanos.

A Valedora do Pobo acollerá a finais de abril a presentación do informe anual da Fundación Secretariado Gitano sobre as situacións de discriminación que sofren as persoas xitanas e, en especial, as mulleres, a xuventude e a infancia, as persoas LGBTI, as persoas maiores, as persoas con discapacidade e os nacionais doutros países. Esta acto desenvólvese no marco dunha colaboración estreita coa fundación, que publicou unha declaración institucional e organizou diversas actividades co gallo desta xornada.

resultouche interesante?, comparte este artigo nas túas Redes Sociais.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest