2022 confirma o incremento no labor da institución da Valedora do Pobo

A piques de concluír o exercicio de 2022, a actividade de supervisión das administracións públicas galegas que o Parlamento de Galicia encomenda á Valedora do Pobo rexistrou unhas elevadas cifras en relación cos anos anteriores. Con carácter xeral, incrementáronse notablemente as actuacións de atención a cidadanía, tanto presencial como telefónica e mantense a tendencia dos últimos anos para as áreas da institución con máis actividade que veñen sendo, nos sucesivos períodos estimados, Sanidade; Educación; Emprego Público; Inclusión Social; Medio Ambiente e Corporacións Locais e Servizos Municipais.

 

Tramitadas 4.634 queixas individuais e 16.122 colectivas

 

Os asuntos sobre os que se solicitou informe as administracións e que reflicten de xeito máis preciso o labor da institución confirman o aumento do número de asuntos diferentes atendidos. Se en 2020 xa pasaran de 2.912 a 3.936 en 2021, en 2022, coa volta á normalidade na actividade cotián da cidadanía e das administracións, foron 4.634 os asuntos sobre os que se promoveron queixas. No canto as queixas colectivas presentadas por unha pluralidade de afectados, mantense tamén a tendencia ao incremento dos dous anos da pandemia cando pasaran de 5.387 expedientes en 2020 a 10.736 en 2021, chegando a 16.122 en 2022. As cifras facilitadas son provisionais e corresponden á data do 29 de decembro de 2022, previa ao peche do exercicio.

 

Realizáronse 91 actuacións de oficio

 

No que respecta as actuacións que a propia institución da Valedora do Pobo pode facer de oficio, en 2022 ascenderon a 91. Como é habitual, a institución é particularmente sensible e proactiva cos problemas que afectan aos colectivos máis vulnerables, aos que producen maior sufrimento a persoas e familias, e aos que inciden no benestar e as condicións para unha vida digna e saudable.

 

Respecto dos primeiros, abríronse actuacións de oficio por mor dos problemas derivados das restricións horarias e o peche de oficinas bancarias para as persoas maiores, habituadas a operatividade presencial na xestión das súas contas (pago de recibos, cobro das pensións…). Ante esta situación, realizáronse actuacións diante das entidades bancarias con presencia comercial na nosa comunidade.

 

A recuperación da atención presencial á cidadanía nas oficinas e servizos das administracións públicas, unha vez extinguidas as medidas de prevención ou contención de contaxios pola COVID, tamén foi obxecto de actuacións de oficio ante a Xunta de Galicia, os concellos das sete grandes cidades e as catro deputacións provinciais.

 

Igualmente, iniciáronse investigacións de oficio por situacións de tutela de dereitos humanos. Foi o caso da abordaxe da soidade non desexada; a falta de prazas en centros de día; os retrasos nos procedementos de dependencia; a equiparación no recoñecemento de determinadas incapacidades laborais e a discapacidade; o embargo de rendas de inclusión; as cadeiras de rodas eléctricas para as persoas con discapacidade;  ou a atención residencial a enfermos de esclerose lateral amiotrófica (ELA). Noutros casos foi investigada a actuación administrativa na morte dunha persoa sen recursos nunha vivenda abandonada no Concello de Portomarín, úlceras e feridas en usuarios dunha residencia financiada pola Xunta no Concello de Pazos de Borbén ou o desafiuzamento doutra persoa sen recursos por un fondo voitre.

 

Outros acontecementos que produciron dor a moitas familias e inquedanza na cidadanía foron tamén abordados pola institución desde a súa función esencial de garantía dos dereitos humanos. Foi o caso do afundimento do buque pesqueiro Vila de Pitanxo, ou a xestión do procedemento de acollida aos refuxiados chegados de Ucraína.

 

Tamén xeraron queixas de oficio situacións como a lista de espera cirúrxica dun doente con dor severa que non se controlaba con medicación; a posible vulneración de dereitos dun paciente psiquiátrico con contención mecánica; a terapia con protóns no tratamento dos procesos tumorais na infancia; ou o estado actual do tratamento neuro-psicolóxico no seguimento dos doentes con trauma cerebral na infancia.

 

No ámbito da vivenda e do medio ambiente, a incidencia de determinadas situacións no benestar e as condicións para unha vida digna e saudable xerou expedientes de oficio coma no caso de conflitos de convivencia entre a veciñanza, incoados ante os concellos das sete grandes cidades de Galicia.

 

Tamén os motivaron outras situacións coma os activos inmobiliarios da SAREB susceptibles de cesión como vivendas sociais á administración local na Coruña, Vigo, Poio e Narón; a abordaxe da situación de persoas con síndrome de Dióxenes e de Noé e os preceptivos protocolos de intervención municipal; a problemática do estado das vivendas do barrio de Recimil, en Ferrol ou as actuacións que debe levar a cabo o goberno galego en relación coas condicións do transporte no encoro de Portodemouros. A salubridade das cidades tamén foi analizada en queixas de oficio abertas en Lugo e Vigo, neste último caso, ao coñecerse a presenza de roedores nun solar de titularidade municipal.

 

Con carácter xeral, xunto con numerosas queixas promovidas por afectados, investigouse de oficio o funcionamento das comercializadoras e distribuidoras da enerxía eléctrica en Galicia, en particular, as graves perturbacións producidas na facturación do subministro. Tamén deron lugar a actuacións de oficio cuestións relativas ao medio ambiente adecuado que a Constitución española garante no artigo 45, así como ao deber de conservalo. Foi o caso dos protocolos para a substitución de tubaxes de fibrocemento ante as catro deputacións provinciais; a calidade das augas de consumo por verteduras ao río na zona da Coruña ou a vertedura na estación de captación de auga de Melide; un vertedoiro irregular de residuos en Pontevedra ou a compactadora de residuos instalada dende hai anos na Travesa de Fonseca, en Santiago de Compostela. Os danos ás persoas e bens producidos por caídas de árbores en varias localidades galegas foron tamén investigados de oficio.

 

O compromiso esencial do traballo da institución da Valedora do Pobo a respecto da igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes impulsou actuacións de oficio na loita contra a violencia de xénero no referido á súa conceptuación legal, aínda cinguida ao matrimonio ou relación análoga, vinculada ao desenvolvemento do Pacto de Estado sobre esta materia;  o protocolo a seguir no caso de indicios de submisión química e agresión sexual; ou a investigación sobre a formación en xénero e sexualidade dos equipos educativos de centros de protección.

 

Aumenta a aceptación das resolucións polas administracións que abrangueron 506 asuntos en 2022

 

Para finalizar este sucinto resumo da actividade anual da institución, cómpre dar conta das resolucións formuladas ás distintas administracións públicas mediante recomendacións, suxestións ou recordatorios de deberes legais, que acadaron o maior número da serie histórica, ata un total de 506 resolucións en asuntos diferenciados, mantendo unha elevada porcentaxe de aceptación polas administracións ás que nos diriximos.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2022

 

 

resultouche interesante?, comparte este artigo nas túas Redes Sociais.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest