Defensores do pobo de toda España desprazaranse o próximo 3 de outubro ao concello ourensán de A Merca onde está sepultado o concelleiro de Ermua asasinado hai 20 anos a mans da banda terrorista ETA.
Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2017. Defensores do pobo de toda España desprazaranse o próximo 3 de outubro ás 19.30 horas ao cemiterio da parroquia de Faramontaos, no concello ourensán de A Merca, para render tributo, polo vinte aniversario do seu asasinato a mans de ETA, ao concelleiro Miguel Ángel Blanco, que permanece alí sepultado.
O acto estará presidido polo defensor del pueblo en funcións, Francisco Fernández Marugán, e pola valedora do pobo, Milagros Otero Parga, promotora desta iniciativa que coincide coa celebración en Santiago das XXXII Xornadas de Coordinación de Defensores do Pobo.
Na homenaxe tomarán parte ademais a irmá do concelleiro asasinado, Marimar Blanco, e o alcalde de Ermua, Carlos Totorika.
Os defensores depositarán un centro de flores no monumento levantado no exterior do camposanto de Faramontaos en A Merca. Lembrarán nos seus discursos a este concelleiro que o 13 de xullo de 1997 foi brutalmente asasinado a mans de ETA.
Os restos de Miguel Ángel Blanco descansan no cemiterio de A Merca desde o ano 2007 tras decidir a familia o seu traslado tras unha década en Ermua. A relación de Miguel Ángel Blanco con este municipio de Ourense veulle por parte de nai. Aínda contan con parentes nesta zona das Terras de Celanova.
Os defensores converterán A Merca, por un día, en núcleo de lembranza do espírito de Ermua que hai vinte anos fixo saír a milleiros de españois ás rúas consternados polo inxusto asasinato dun home que traballou ao servizo da cidadanía.
The comments are closed.