A Valedora do Pobo inaugura na Universidade de Vigo o “Máster en menores en situación de desprotección e conflito social”

“As nenas e os nenos son suxeitos de dereitos humanos porque son, sinxelamente, persoas”, afirmou a Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, na conferencia “O interese superior do menor” con que inaugurou o Master en Menores en situación de desprotección e conflito social da Universidade de Vigo.

Centrou a súa disertación na análise da Convención dos dereitos do Neno de Nacións Unidas (1989) que “deixa claro que os nenos e nenas non son os cidadáns do futuro. Son cidadáns hoxe”. “Non hai que preparalos para que exerzan os seus dereitos cando sexan adultos” porque “deben poder exercer os seus dereitos agora, sendo nenos e nenas que se pertencen a si mesmos”. A idea central da súa análise da Convención, a que cualificou como revolucionaria mesmo que distante de ser real na práctica, é que “tanto os pais coma o Estado teñen obrigas e responsabilidades a respecto das nenas e dos nenos”.

 

O uso abusivo do concepto de “interese superior do menor”

A Valedora considerou a infancia como a etapa vital na que a vulnerabilidade é maior e precisa de axuda para o seu desenvolvemento, incidindo no uso abusivo do concepto de interese superior do menor, poñendo como exemplo o caso das autoridades públicas para xustificar políticas racistas. Ou cando os proxenitores disputan a custodia, ou os profesionais rexeitan os desexos do menor sen máis argumento que estar manipulados polo proxenitor custodio (síndrome de alienación parental). Tamén cando se deixa na vontade dos pais e nais a decisión de asistir ao ensino regular inclusivo ou a un ensino especial contra a opinión de dictames especializados, ou cando se xustifican discriminacións para privar aos proxenitores da custodia.

A Valedora incidiu en que o concepto de interese superior, utilizado perversamente, actúa coma “un cabalo de Troya que introduce prexuízos que o converten nun desinterese superior do menor”, cando debe ser considerado un dereito substantivo da persoa menor e a norma de procedemento que fixa o marco xeral correcto.

No canto aos elementos que cómpre ter en conta para avaliar o interese superior do neno, Fernández Galiño citou, baseándose na Observación Xeral 14 do Comité de Nacións Unidas instaurado a partir da Convención: a opinión, a identidade (sexo, orientación sexual, orixe nacional, relixión, crenzas, identidade cultural e a personalidade; a preservación da contorna familiar e mantemento de relacións; o coidado, protección e seguridade do neno en relación co ideal amplo de garantir o seu benestar e desenvolvemento; as súas necesidades materiais, físicas, educativas e emocionais básicas, así como a súa necesidade de afecto e seguridade; a situación de vulnerabilidade; o dereito á saúde e o seu estado de saúde; e o dereito á educación. Esta relación de elementos non debe considerarse como exhaustiva nin xerárquica. En función dos elementos pertinentes a ter en conta para determinar a solución que atenda mellor ao interese superior do neno ou nena implicados, aconsella facer unha valoración equilibrada e ponderada por se existe risco de colisión.

 

A importancia das garantías procesuais

Outro aspecto abordado pola Valedora foi o das garantías procesuais que cifrou no dereito do neno a expresar a súa propia opinión como elemento fundamental do proceso. É o caso da determinación dos feitos mediante profesionais perfectamente capacitados que reúnan todos os elementos necesarios para a avaliación do interese superior do neno. A prioridade aos procedementos e procesos relacionados ou que afecte aos nenos e ultimalos no menor tempo posible; a cualificación dos profesionais. A axeitada representación letrada cando os tribunais e órganos equivalentes teñan que avaliar e determinar oficialmente o seu interese superior. A argumentación xurídica pois calquera decisión sobre o neno ou os nenos debe estar motivada, xustificada e explicada. O establecemento polos Estados de mecanismos no marco dos seus ordenamentos xurídicos para recorrer ou revisar as decisións concernentes aos nenos. E a avaliación do impacto en tódolos niveis nos procesos gobernamentais de formulación de políticas e outras medidas xerais para garantir a boa gobernanza nos dereitos do neno.

 

Facer real o cambio revolucionario da  Convención dos dereitos do Neno

A Valedora rematou a súa disertación compartindo a idea de Mandela de que non hai revelación máis intensa da alma dunha sociedade que a forma na que trata aos seus nenos, e salientando a necesidade de “facer real o revolucionario cambio da Convención para que, como profesionais acreditados na materia, saiban vostedes aflorar a alma da nosa sociedade”.

Ligazón á conferencia completa

resultouche interesante?, comparte este artigo nas túas Redes Sociais.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest