O secretario xeral da Valedora do Pobo, Fernando de Andrés Alonso, participou no Seminario Internacional sobre Dixitalización, Dereitos Fundamentais e Vulnerabilidade, organizado pola Universidade de Vigo. O seminario tivo lugar o 7 de xullo na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo.

O secretario xeral da Institución participou no Seminario Internacional sobre Dixitalización, Dereitos Fundamentais e Vulnerabilidade cunha ponencia na que expuxo as actuacións da Valedora do Pobo para afrontar as diferentes formas de discriminación que derivan das dificultades das persoas en situación de vulnerabilidade á hora de realizar consultas e trámites on line nos servizos públicos, en especial nos servizos financeiros e nas administracións. Posteriormente participou nun diálogo no se que se abundou en moitos dos aspectos do problema.

O uso das novas tecnoloxías constitúe un gran avance, sempre que non se converta na única vía de comunicación cos servicios esenciais pola eliminación da atención presencial, imprescindible para sectores da poboación que non dominan esas tecnoloxías e son vulnerables, polo que precisan en maior medida o acceso aos servizos básicos.

A fenda dixital evidencia que as novas tecnoloxías non están ao alcance de todos; moitas persoas carecen de ferramentas adecuadas ou de habilidades dixitais para facer uso das novas tecnoloxías (persoas maiores, con carencias formativas, con discapacidade…).

Por iso, a atención presencial as persoas de maior idade é unha necesidade, como tamén a de todas as afectadas dunha ou doutra forma pola fenda dixital.

O peche de moitas oficinas bancarias, a limitación da atención presencial e a clara orientación dos servizos financeiros cara a banca on line causou importantes prexuízos a unha parte da poboación. Esta foi a causa pola que a Valedora do Pobo iniciou actuacións dirixidas a reclamar dos bancos a inclusión financeira das persoas vulnerables.

As entidades bancarias puxeron en práctica medidas como a ampliación do horario de atención, unha canle preferente para as persoas maiores, ou o reforzo da atención telefónica; sinalaron que ían seguir traballando en mellorar a atención ás persoas vulnerables, entre elas moitas persoas maiores; e comprometéronse a revisar os seus protocolos.

Pola súa banda o Goberno anunciou que promovería unha lei de creación da Autoridade de Protección do Cliente Financeiro, un mecanismo para asegurar que as entidades cumpran as súas obrigas.

Polo que se refire ás administracións, gran parte do problema se centraba no condicionamento da atención presencial á cita previa. Puxemos de relevo que esa condición non era adecuada nas oficinas de rexistro e atención cidadá, sen prexuízo de mantela de forma voluntaria para ordenar parte da atención.

A Xunta de Galicia coincidiu co que sinalamos e anunciou o fin da cita previa nas principais dependencias da administración xeral. Ademais, as persoas maiores de 64 anos serían atendidas con preferencia fronte a outras persoas que se presentaran sen cita previa

resultouche interesante?, comparte este artigo nas túas Redes Sociais.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest