Recepción institucional da valedora do pobo aos membros da Mesa do Parlamento de Galicia

15 Febreiro, 2016 Institución, Novas

A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, recibiu hoxe a visita do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, xunto cos membros da Mesa da Cámara, que percorreron as dependencias da institución e coñeceron, un por un, aos traballadores deste alto comisionado

 

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2016. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, recibiu hoxe na sede do Valedor do Pobo ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, que acudiu á visita acompañado dos membros da Mesa da Cámara Galega. É a primeira vez que os máximos representantes parlamentarios visitan oficialmente a institución do Valedor do Pobo e saúdan un por un a todo o equipo de traballo da valedoría.

O presidente do Parlamento de Galicia salientou durante a visita a importancia do traballo desempeñado pola institución do Valedor do Pobo, facendo fincapé na importante tarefa que, publicada a lei autonómica de transparencia, ten agora por diante.

A valedora, pola súa banda, explicou aos membros da Mesa o funcionamento da defensoría, facendo fincapé na necesaria vocación de servizo que require dos traballadores da mesma, e na relevante colaboración que precisa das administracións e do propio parlamento, do que é comisionada, para levar a bo termo o seu traballo.

A comitiva, presidida polo máximo represente na Cámara galega, Miguel Ángel Santalices, contou coa presenza das vicepresidentas do Parlamento, Marta Rodríguez Arias e María Soledad Soneira así como coa vicesecretaria do órgano, María Concepción Burgo. Todos eles deixaron a súa sinatura no libro de visitas da institución do Valedor do Pobo.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal