Primeiras solucións aos problemas dos pontevedreses tras a visita da valedora a esa cidade hai unha semana

27 Maio, 2016 Institución, Novas

Milagros Otero Parga conseguiu xa que corra auga potable na fonte dos Leóns de Estribela e que se permita o libre acceso con mochilas aos cines a persoas diabéticas e con enfermidade inflamatoria intestinal.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2016. A visita da valedora do pobo a Pontevedra, rexistrada o pasado mércores 18 de maio, deu lugar a apertura formal dun total de once queixas por parte da institución. A inmediata tramitación dos asuntos expostos na xuntanza coa veciñanza celebrada na Casa das Campás permitiu a recolleita dos primeiros froitos.

Nesa xuntanza, veciños da zona de Estribela denunciaban que a Fonte dos Leóns do barrio quedara sen auga corrente despois dunhas obras de canalización do gas na Rúa Cunchidos. Unha das afectadas contactou co Valedor do Pobo esta mesma semana para indicar que xa corre a auga potable pola fontenla.

Representantes da asociación de nenos con diabete ANEDIA e de ASESEII, que defende os intereses de persoas con enfermidade inflamatoria intestinal,  denunciaron no encontro as dificultades que tiñan para acceder aos cines de Pontevedra con material hixiénico, sanitario e alimentos específicos que precisan. O persoal de seguridade lles obrigaba a abrir os macutos e ensinar o seu contido e, no caso dos nenos e nenas con diabete, cuestionando a entrada con alimentos especiais para previr crises. A institución do Valedor do Pobo contactou nas últimas horas coa xerencia do recinto, que amosou boa disposición a solucionar este problema. Desde este alto comisionado parlamentario farase extensiva esta petición á dirección da empresa concesionaria do recinto para que achegue ao seu persoal as correspondentes instrucións.

O Valedor do Pobo mantén un total de 11 expedientes abertos como resultado da visita a Pontevedra. Algunhas cuestións gardan relación coa accesibilidade sensorial das persoas con dificultades auditivas a edificios públicos. Xa se pediu informe ao Concello de Pontevedra e á Xunta de Galicia para que, en concreto, indiquen que edificios da súa dependencia contan cos denominados bucles magnéticos. Estes dispositivos permiten unha mellor audición das persoas usuarias de audiófonos ou implantadas cocleares. Tal e como denunciaron algúns afectados á valedora, existen instalacións que ou ben non dispoñen deles ou os teñen inactivos.

A valedoría activou outra investigación en relación a problemas detectados en vivendas públicas na zona de Valdecorvos. Xa se dirixiu á Consellería de Infraestruturas e Vivenda para que lle informe sobre os excesivos gastos de comunidade e subministro que afectan ás persoas que viven nesta urbanización en réxime de alugueiro.

Outros asuntos en marcha tratan a presenza de postes de electricidade en fincas privadas, presuntas irregularidades en programas de rehabilitación de vivendas, problemas coa xerencia de persoal do Sergas e a seguridade viaria dos ciclistas. Desde a institución tratarase de dar resposta, coa máxima axilidade, a todas estas queixas.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal