O Informe Ordinario 2016 sitúa á insitución do Valedor do Pobo como principal instrumento público garante dos dereitos en Galicia

27 Marzo, 2017 Institución, Novas, Transparencia

A institución rexistrou indicadores que evidencian a súa utilidade e axilidade na atención aos problemas dos galegos. No ano 2016 incrementouse notablemente o número de persoas atendidas e de asuntos investigados. A valedoría admitiu a trámite o 99,4% das queixas presentadas. Antes de rematar o ano 2016 o 99,8% estaban concluídas.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2017. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga,  entregou hoxe o Informe Anual 2016 ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices. Posteriormente, compareceu ante os medios para dar conta das cifras e aspectos máis salientables do documento. O Informe Anual recolle a actividade despregada pola institución durante 2016. O obxectivo central de todas as actuacións pasa por chegar ao maior número de cidadáns para prestar a axuda e asistencia necesaria. O número xeral de actuacións de atención á cidadanía (queixas, atención telefónica e presencial) incrementouse este ano nun 62% ata acadar a histórica cifra de 75.780. Delas, 64.937 deron lugar a expedientes de queixa, o que permitiu ao alto comisionado parlamentario investigar un total de 2.356 actuacións administrativas.

A institución do Valedor do Pobo consolídase como un instrumento público que actúa con rigor, seriedade e eficacia na defensa dos dereitos e liberdades da cidadanía. O obxectivo acadado na anualidade consistiu en chegar a máis persoas, organizacións e entidades. O Informe Anual recolle a actividade da institución nun ano no que se incrementou o número de persoas atendidas (64.937) e o de asuntos investigados (2.356 actos administrativos). Apenas un 0.6% das queixas achegadas polas persoas resultaron inadmitidas, un dato moi pequeno en comparación con anualidades anteriores e cos índices de rexeitamento doutros ombudsman. A valedora do pobo confirma así que as persoas constitúen a prioridade da institución.

Ademais se reduciron os tempos de xestión. A aposta pola axilización dos trámites para que sexan máis claros e accesibles para a cidadanía permitiu que ao remate do ano o 99.8% das queixas tramitadas estiveran concluídas. Este dato eleva en 3 puntos os rexistro da anterior anualidade.

Por primeira vez no histórico desta institución máis mulleres ca homes acudiron en auxilio da institución do Valedor do Pobo. A proporción situouse en 65% fronte ao 35%.

En 2016 a institución do Valedor do Pobo promoveu 21 queixas de oficio. Emitiu ademais 103 recomendacións aos entes públicos para corrixir os seus actos administrativos. Das 93 que obtiveron resposta dentro da anualidade, resultaron aceptadas o 84%.

En xeral detectouse boa disposición dos entes supervisados para colaborar co Valedor do Pobo. Non houbo declaracións de hostilidade e só se tivo que reclamar o cumprimento das obrigas nun 0.15% das investigacións.

 

ACTUACIÓNS DESTACADAS

Un ano máis destaca o incremento na presentación de iniciativas en grupo. Unha moi numerosa fai que a área de sanidade despunte sobre do resto en canto a apoio cidadá.  Reclamaba manter aberto o Hospital Meixoeiro de Vigo para os servizos de urxencia e cirurxías. Porén, as cuestións que máis preocuparon á cidadanía, atendendo ao número das situacións denunciadas, foron as relacionadas coas áreas de corporacións locais (16% do total), emprego público e interior (13.54%) e sanidade (11%).

Protección dos usuarios de banca

A valedora do pobo denuncia o incremento significativo das queixas relacionadas con actuacións das entidades financeiras. Faise urxente evitar cesións dubidosas de créditos a sociedades xestoras de fondos “voitre”. Existe, por outra banda, unha ampla marxe de mellora na protección dos debedores hipotecarios e persoas afectadas por desafiuzamento. Desde a institución trabállase de oficio cada vez que se coñecen situacións deste tipo. A colaboración das entidades financeiras, neste marco, foi favorable aceptando a meirande parte das recomendacións dirixidas. Grazas á colaboración co Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) puidéronse atopar solucións habitacionais para casos urxentes.

Pobreza enerxética

O Valedor do Pobo considera que a subministración enerxética é esencial para a vida digna e necesaria para o exercicio doutros dereitos. A institución continúa con actuacións para evitar que esta afecte ás persoas en situación de vulnerabilidade severa.

Nesta área traballouse arreo polos dereitos básicos dos usuarios e na ampliación do bono social e o tícket eléctrico social para persoas físicas economicamente vulnerables.

Convivencia cidadá

Preocupan á valedora os problemas de ruídos con incidencia en numerosas localidades de Galicia. A situación mellorou en moitos núcleos nos que a institución interveu, aínda que queda moito por facer para harmonizar os dereitos da cidadanía e dos comerciantes.

A situación de difícil convivencia entre as persoas sen teito e os titulares de negocios no casco histórico de Santiago segue sen resolver. A valedoría remitiu unha recomendación a principios deste ano ao Concello de Santiago na idea de que garanta os dereitos das persoas sen fogar e faga cumprir as normas municipais en materia de convivencia. Aínda non chegou a resposta.

Garantir as tarefas de oposición

Por medio de 19 investigacións constatouse a tradicional resistencia existente nalgúns concellos para facilitar información municipal aos membros da oposición. A institución do Valedor do Pobo entende imprescindible o labor de control e fiscalización que exercen estes concelleiros, que precisan de información concreta para realizalo con pleno rendemento, sempre que non se abuse nin entorpeza o normal funcionamento das administracións locais.

Política sanitaria

O reto da sanidade pública pasa ineludiblemente pola necesidade de conxugar unha oferta de calidade sostible cos recursos económicos e persoais para acadar un sistema de saúde eficaz, equitativo e solvente.  É necesario mellorar a xestión das listas de espera utilizando criterios de prioridade claros e transparentes. Esta premisa é aplicable tamén a xuízo da institución cando se produzan reorganizacións de centros e servizos asistenciais.

Emprego público

O incremento da oferta pública de emprego da Xunta de Galicia tivo o seu reflexo nas queixas chegadas a esta área nas que se solicita a supervisión do Valedor do Pobo no desenvolvemento dos procesos selectivos e, sobre todo, no acceso á revisión de probas e copia dos exames. Estas actuacións son importantes en tanto en canto condicionan a cobertura futura dos postos de interinidade.

Excesivo silencio da administración

Un ano máis a valedora do pobo amosa a súa desconformidade co excesivo amparo das administracións na figura do silencio administrativo. A administración debe estar ao servizo da cidadanía e, polo mesmo, debe contestar ás súas peticións con celeridade, claridade, xustiza e responsabilidade.

Pensionistas que cotizaron no estranxeiro

A institución mantén abertas actuacións en relación co non aboamento das pensións á persoas galegas que traballaron e cotizaron en Venezuela. Estas persoas, ante a sanguenta situación, esixen ser protexidas, xa que o desamparo que padecen está a atentar contra a súa dignidade e dereitos fundamentais.

Menores

Despregáronse actuacións en 2016 cara a mellorar o funcionamento dos centros de internamento de menores na nosa comunidade. O Valedor do Pobo ocupouse, por outra banda, de tratar de mellorar o funcionamento do Instituto de Medicina Legal IMELGA no que se refire aos informes psicosociais dos rapaces e por mellorar as políticas de acollemento en familia extensa.

A institución desenvolveu accións divulgativas en contra do consumo de alcohol en menores, facendo chamamentos aos poderes públicos, ás familias e aos centros educativos. R

Resta traballo por facer contra do acoso escolar, especialmente homófóbico e transfóbico ante situacións que afloran nas queixas recibidas en materia de convivencia escolar.

Transparencia

En 2016 o Valedor do Pobo puxo en marcha a Comisión da Transparencia que ata o momento recibiu 73 reclamacións sobre dereito de acceso á información pública exercido ante as administracións galegas. A día de hoxe constan como rematadas 50. En máis da metade dos casos (27) conseguiuse que as administracións aludidas recoñeceran o dereito a acceder ás persoas e lles facilitasen a información pública demandada.

Persoas LGTBI

No exercicio sometido a repaso a institución mantivo activa a súa vixilancia na protección da diversidade sexual. Despregáronse accións divulgativas en centros escolares e foros de análise e estudo desta realidade. Destaca, entre outras accións, o acompañamento da valedoría a unha persoa transexual no seu proceso cirúrxico que, tras moitos atrancos, desenvolveuse con éxito.

 

CASOS DE ÉXITO

O Valedor do Pobo conseguiu no exercicio 2016 dar efectividade aos dereitos das persoas en numerosas circunstancias nas que estas estaban especialmente desprotexidas. Valgan como exemplo os seguintes casos:

Escolas infantís. Grazas a unha recomendación do Valedor do Pobo, a Consellería de Política Social accedeu a manter aberta unha escola infantil por localidade durante os días laborables dos períodos non lectivos de Nadal e Semana Santa, independentemente do número de usuarios. Deste xeito facilítase as familias de nenos menores de 3 anos a posibilidade de conciliar.

Accesibilidade auditiva. Tras unha visita a Pontevedra da valedora, activáronse os mecanismos ante a Xunta de Galicia para que garantise a instalación dos denominados bucles magnéticos en edificios públicos. Estes dispositivos axudan moito á comunicación das persoas con problemas auditivos. Nunha liña semellante se conseguiu que a administración autonómica accedese a crear, tal e como se lle recomendara desde o Valedor do Pobo, unha tarxeta acreditativa da discapacidade das persoas en Galicia.

Libre acceso aos cines de nenos diabéticos. Por medio dunha mediación, a institución conseguiu que empresarios que xestionan salas de cine en Galicia permitisen acceder libremente aos recintos a nenos diabéticos e persoas con enfermidade intestinal.  Demandaron a atención da valedoría ante a necesidade de introducir bolsas nos recintos con material hixiénico e sanitario.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal