O ciberacoso na universidade: á procura de novas estratexias adaptadas aos novos espazos de convivencia por Alicia Villalba Sánchez, Profª Axudante Doutora de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Santiago de Compostela.

20 Xullo, 2020 falamos de feminismo

Dun destino instrumental, as novas tecnoloxías da información e da comunicación evolucionaron ata erixirse nun elemento transformador do comportamento humano. Concibidas para transmitir datos, revelaron a súa idoneidade como medio a través do cal establecer, desenvolver e poñer fin a todo tipo de relacións interpersoais. Recluído nun espazo e nun tempo propios, o cidadán deste século foi perdendo puntos de encontro outrora dados por uns vínculos familiares e comunitarios paulatinamente debilitados. Aqueles foron substituídos por outros virtuais, capaces de unir individuos por mor das súas afinidades, alén do distanciamento físico que medie entre eles. Cando aquela afinidade xorde da pertenza a unha mesma institución, agroman espazos virtuais frecuentados polos uns membros que tamén acostuman a compartilo espazo físico. Tal acontece coa comunidade universitaria, no seo da cal foi medrando un tecido de relacións dixitais, desenvoltas de xeito paralelo e complementario ás presenciais. Este espazo virtual adquiriu un notable protagonismo dende que a contención do pandemia fixo do distanciamento físico unha regra, devindo así o único onde dar continuidade á actividade universitaria.

Se o andazo puxo de manifesto as vantaxes deste ecosistema virtual, a precipitada migración cara a aquel debe servir como advertencia dos perigos que supón a insuficiente regulación dunha contorna onde a interacción difire substancialmente da tradicional. O illamento que padece o emisor aléntao a unha sobreexposición de pareceres namentres constrúe unha sorte de “personalidade virtual”, revelando aspectos íntimos que o fan vulnerable ante posibles ataques. Ao mesmo tempo, o antedito illamento recrúa un particularismo a miúdo xerme de actitudes intolerantes. Neste caldo de cultivo, non é de estrañar que aquelas se traduzan en condutas agresivas dirixidas a unha vítima doadamente localizable e amparadas polo anonimato que aparentan brindar as canles virtuais. Se aos dous factores anteriores se engade o carácter intrusivo dunha tecnoloxía que supera os clásicos límites espazo-temporais, é sinxelo imaxinar a unha vítima sumida no ambiente intimidatorio, hostil, degradante, humillante ou ofensivo que no seu momento se pretendeu atallar mediante a aprobación de protocolos destinados a previr e combater o acoso discriminatorio por razón de xénero na universidade.

Reparando na necesidade de acubillar a investigación e a transmisión do coñecemento nun ambiente onde imperase a diversidade e o respecto, as universidades galegas dotáronse tempo atrás de cadanseu protocolo destinado a previr o acoso discriminatorio por razón de xénero. Trátase de instrumentos inicialmente aprobados ao abeiro da Ley Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para la igualdad mujeres y hombres, e deseñados para a prevención do acoso sexual e do acoso por razón de sexo[1], cuxo ámbito de aplicación foi dilatado ata abranguer aqueloutro motivado pola orientación sexual, a identidade de xénero[2] ou a expresión de xénero[3] da vítima, seguindo a senda trazada pola Lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia. Posto que os devanditos instrumentos foron pensados para unha actividade eminentemente presencial, cómpre reformular a estratexia da universidade perante conductas perpetradas no eido dixital, propósito cuxa consecución depende: 1) da tipificación das condutas de recente aparición, 2) da demarcación de espazos virtuais seguros e 3) da formación de tódolos membros da comunidade universitaria para un aproveitamento respectuoso deste novo ámbito.

  1. Tipificación das condutas de recente aparición. A mutación que este novo espazo desencadeou no xeito mesmo de convivir obriga a redefinir algúns trazos característicos do acoso. O anterior atinxe, por exemplo, á reiteración da conduta prohibida. A permanencia dos contidos publicados ou transferidos a través de canles dixitais, vencellado á súa posible difusión masiva (ou “viral”), permite un impacto crecente que non require dun esforzo activo por parte do agresor para perpetuar o padecemento da vítima. Non en van autores propugnan considerar que un comportamento é reiterado cando o agresor se contenta con non retirar un contido publicado[4]. Se ben esta readaptación podería lograrse por vía interpretativa, tampouco estaría de máis engadir aos protocolos un listado exemplificativo dalgunhas condutas de novo cuño (v. gr. difusión ou ameaza de difusión de contidos íntimos sen o consentimento da vítima, persecución e contacto coa mesma a través de diversas canles virtuais, publicación de contidos denigrantes en medios dixitais, etc.). O polimorfismo característico destes comportamentos aconsella consignalos no protocolo cunha dobre finalidade: preventiva, xa que a súa tipificación pode obrar un efecto disuasorio para quen atope a súa actitude reflexada na descrición dos feitos constitutivos de acoso; e defensiva, posto que facilita a identificación da conducta prohibida ao órgano encargado de admitir a denuncia e de declarar a existencia de acoso.
  2. Demarcación e regulación dun espazo virtual seguro. A proliferación de canles virtuais de comunicación entre os membros da comunidade universitaria esixe emprender unha delimitación espacial. A forza de empregar aplicacións e programas alleos á institución como punto de encontro cotián, a convivencia desbordouse alén do espazo sobre o cal a universidade desprega os poderes que o ordenamento xurídico lle confire. Se non é difícil percibir os riscos que suporía impartir docencia ou traballar fóra das aulas ou dos centros de traballo, é preciso asumir aqueles que comporta a realización desas mesmas actividades nunha contorna dixital situada extra muros do campus virtual. Dende a entrada en vigor da Ley Orgánica 3/2018, de 5 de diciembre, de Protección de Datos Personales y garantía de los derechos digitales cobraron relevancia os dereitos dixitais recoñecidos ás persoas traballadoras, entre outros, o de preservar a súa intimidade no uso dos dispositivos dixitais fornecidos polo empregador, incumbíndolle a este a fixación dos criterios reitores da súa utilización. Este marco xurídico invita, primeiramente, a investir en espazos de convivencia virtual eficientes que fagan innecesario acudir a canles estrañas á institución. E, seguidamente, a madurar unha normativa que defina con claridade os instrumentos dispoñibles, os seus usos autorizados e a vixilancia que sobre os mesmos se puidera levar a cabo, coa fin de recuperar o control sobre un ágora de que deixou de ser emerxente para consolidarse como habitual.
  3. Formación para a prevención e a actuación fronte a ciberacoso. O axeitado uso dos instrumentos dispoñibles e a erradicación das conductas violentas perpetradas e, se cadra, propiciadas por este novo ecosistema virtual require dunha reeducación dos seus poboadores. O anterior implica coñecer os riscos que lle son autóctonos e as regras a respectar. En prol dunha migración proveitosa cara a este novo espazo, é preciso integrar unha formación á cal tódolos colectivos da comunidade universitaria sexan permeables. Posto que hoxe non se entende a investigación ou a docencia sen o apoio tecnolóxico que cataliza o progreso científico e a aprendizaxe, a formación impartida debe abordar o seu manexo eficiente á par que respectuoso co marco xurídico vixente. Esta formación transversal non empece a necesaria implantación de actividades formativas específicas, destinadas a poñer en coñecemento dos diversos colectivos a normativa destinada a previr e actuar fronte o acoso por razón de xénero, amais daquela chamada a fixar o uso correcto do espazo virtual de interacción. Imponse especialmente valorar a existencia desta formación interdisciplinaria na selección de quen integre o órgano encargado de determinar a existencia de actos constitutivos de acoso.

Suxírese, en definitiva, unha reconstrución conxunta dos que ata agora constituíron dous compartimentos normativos estancos: por unha banda, o destinado á prevención e á loita perante o acoso, en atención aos riscos inherentes ao ecosistema virtual; e, pola outra banda, o regulador do eido virtual propiamente universitario, coa fin de delimitar os dominios da institución de xeito cuantitativo -trazando os confíns dun espazo seguro- e cualitativo -concretando os poderes fiscalizadores e disciplinarios que aquela ostenta en orde a garantir un espazo plural e libre de violencia.

[1] Véxase o Protocolo marco de actuación para a prevención e sanción do acoso sexual e por razón de sexo da Universidade de Vigo.

[2] Da fe desta evolución o Protocolo de prevención e actuación fronte ao acoso sexual e o acoso por razón de sexo, orientación sexual e identidade de xénero da Universidade de Santiago de Compostela, aprobado polo Consello de Goberno o 29 de xullo de 2016 e modificado o 27 de outubro de 2016 e o 14 de novembro de 2017.

[3] Incorporando unha referencia á expresión de xénero, véxase o Protocolo aprobado polo Consello de Goberno da Universidade da Coruña o 30 de outubro de 2019.

[4] LÓPEZ RODRÍGUEZ, J., “Caracterización jurídica del ciberacoso moral laboral”, en MELLA MÉNDEZ, L. (dir.) y VILLALBA SÁNCHEZ, A. (coord.) La revolución tecnológica y sus efectos en el mercado de trabajo: un reto del siglo XXI, Wolters Kluwer (Madrid, 2018), p. 374 e URRUTIKOETXEA BARRUTIA, M. Acoso laboral y lesión de derechos fundamentales, Bomarzo (Albacete, 2014), p. 174.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal