María Xosé Porteiro, Adxunta a Valedora do Pobo, recibe o premio Ernestina Otero 2020.

03 Maio, 2021 actualidade, Novas, Novas

Santiago de Compostela, 4 de maio.

 

O Concello de Vigo entregará hoxe, 4 de maio, os premios Ernestina Otero á traxectoria feminista. Nesta ocasión e por mor dos impedimentos do Covid-19, a distinción correspondente a 2020 que recaeu na Adxunta á Valedora do Pobo, María Xosé Porteiro, entregaráse no mesmo acto que a de 2021 á pedagoga viguesa Mercedes Oliveira.

 

A María Xosé Porteiro, xornalista, escritora, feminista e política, outórgaselle pola súa defensa dos dereitos da muller. A Mercedes Oliveira, doutora en Filosofía e Pedagoxía, como unha das activistas máis destacadas no ámbito da igualdade, cunha intensa labor nas aulas. Esta distinción outórgase por decisión do Consello Municipal da Muller e chega este ano á súa novena edición. En ambos casos, a decisión foi tomada por unanimidade.

 

O acto, restrinxido a trinta persoas asistentes, terá lugar no Auditorio Municipal do Concello de Vigo a partir das 17 h. presidido polo alcalde, Abel Caballero, e a concelleira de igualdade, Uxía Blanco.

 

Entre as premiadas en edicións anteriores figuran María Xosé Queizán, unha das intelectuais feministas máis relevantes de Galicia, pola súa ampla traxectoria; Rosa Cobo, profesora de Socioloxía, pola súa traxectoria en favor da igualdade de xénero; Antía Cal, pedagoga recoñecida polo seu traballo e esforzo no ámbito da enseñanza; ou Carmen Segurana, sindicalista que fundadora do Movemento Democrático de Mulleres.

 

María Xosé Porteiro foi a primeira concelleira da muller de Galicia e unha das primeiras do estado español. No seu mandato 1987/1993 creou a primeira casa de acollida para mulleres maltratadas de carácter municipal e o primeiro Centro de Información da Muller, tamén con carácter público. No decurso da súa traxectoria fixo un intenso traballo lexislativo como parlamentaria galega e española, a prol dos avances feministas, e como escritora toda a súa obra -ensaio e narrativa- xira arredor da igualdade e dos dereitos humáns. Desde 2017, María Xosé Porteiro puxo en marcha e dirixe o primeiro Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega. En 2019 recibiu o premio 1º de Maio pola súa defensa dos dereitos humanos e do feminismo. En 2007 recibiu a Encomenda ao Mérito Civil, polo seu traballo a prol da política exterior do estado español.

 

Desde a Valedoría do Pobo sumámonos a este recoñecemento.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal