Máis de 24.000 cidadáns confiaron ao Valedor do Pobo a solución ás súas queixas en 2014

18 Marzo, 2015 Institución, Novas, Transparencia

DESCARGAS || ROLDA DE PRENSA EN AUDIO | INFORME ÍNTEGRO

O valedor do pobo, José Julio Fernández, entregou hoxe o Informe anual 2014 á presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo.

O Informe anual recolle a actividade despregada pola institución nun ano no que o número xeral de actuacións de atención á cidadanía incrementouse de xeito notable ata acadar as 30722. Delas, 24.149 deron lugar a expedientes de queixa, o que permitiu ao alto comisionado parlamentario investigar un total de 2.310 actos administrativos.

Os cidadáns acudiron este ano en grupo a reclamar cuestións que lles preocupan. Máis de seis mil persoas protagonizaron unha queixa sobre as prácticas abusivas das entidades bancarias como as cláusulas chan e os desafiuzamentos. Os reclamantes tamén acudiron por miles para demandar atención urxente no servizo de cirurxía pediátrica do hospital de Ourense, para cuestionar o proxecto de lei do aborto ou para amosar a súa desconformidade para co concurso de traslados de persoal docente na comunidade.

A institución marcouse no 2014 axilizar a tramitación dos expedientes, obxectivo conseguido grazas a instauración das comunicacións electrónicas cos cidadáns. Deste xeito ao remate do ano, o 91,2% das queixas iniciadas xa constaban como finalizadas. Detectouse, pola contra, excesiva demora de 52 entidades públicas supervisadas (42 delas concellos) á hora de remitir informes demandados no eido das investigacións, téndolles que reiterar o seu deber de colaboración máis de dúas veces. A institución espera mellorar estes tempos co despregamento das comunicacións electrónicas coa administración autonómica e local nos próximos meses.

En 2014 incrementáronse as recomendacións realizadas polo Valedor aos entes públicos para corrixir os seus actos administrativos. Realizáronse 187 propostas que foron aceptadas no 68% dos casos.

Os temas que máis preocuparon aos galegos na anualidade estiveron relacionados cos servizos sociais, o emprego público, a educación e as políticas municipais.

Desde a valedoría iniciáronse 37 queixas de oficio e 5 informes extraordinarios, estes últimos referidos a transparencia e bo goberno, dereitos das persoas con diversidade funcional, atención sociosanitaria de persoas con enfermidade mental e urxencias hospitalarias (este último en colaboración cos outros defensores autonómicos e a defensora estatal) e cos dereitos das persoas gais, lesbianas, transexuais, bisexuais e intersexuais de Galicia.

A transparencia constitúe un dos retos inmediatos a desenvolver nos próximos meses polo Valedor do Pobo. Xa hai semanas que o Valedor abriu un portal de transparencia con motivo do estreo da súa páxina web renovada, e centrada en ofrecer servizos aos cidadáns. Inclúese información relevante relacionada coa institución con detalle da dotación orzamentaria e xestión económica, os contratos, os convenios etc. Nas próximas semanas incorporarase á dirección institucional unha ferramenta para que os cidadáns poidan facer un seguimento en tempo real do estado de tramitación das súas reclamacións.

ACTUACIÓNS DESTACADAS

Cláusulas chan

Para a defensoría resulta cuestionable que aínda en 2015 existan entidades de ampla penetración na comunidade que sigan a aplicar as claúsulas abusivas nos seus contratos hipotecarios. E iso, a pesar da sentenza do Tribunal Supremo de maio de 2013 que declarou nulas as cláusulas chan nos casos nos que os clientes non foron informados debidamente.

En opinión da institución esta práctica é inxusta para as familias afectadas, que non poden beneficiarse das baixas experimentadas nos últimos meses polo euríbor.

En 2014 o Valedor despregou unha intensa actividade ao respecto deste problema. Dirixiuse a todas as entidades bancarias implantadas na comunidade para testar o seu comportamento para coas condicións abusivas. Atendeu, por outra banda unha queixa asinada por 6.700 persoas.

O Valedor do Pobo é crítico coas entidades reticentes ante a supresión, sobre todo cando afectan a familias con maiores dificultades. No ano 2015 comprométese cos consumidores a manter esta liña de investigación aberta co fin de evitar máis abusos, obter resposta das entidades que non a outorgaron con anterioridade e exercer presións ante os bancos reticentes.

Defensa do idioma

O Valedor subliña que temos un reto por diante no que respecta ás políticas de protección e potenciación do idioma galego. As últimas estatísticas permítennos debuxar un escenario paradoxal. Mentres en Galicia o coñecemento do galego parece estar garantido, non se corresponde o mesmo coa utilización nas relacións interpersoais, no ámbito privado, nas tecnoloxías e nos núcleos familiares.

A institución defende que é unha tarefa de todos implicarnos na extensión do uso do idioma en todos os escenarios, só por medio deste garantirase o seu dinamismo e actualización.

Insta aos poderes públicos a responsabilizarse de que o noso idioma sexa empregado en todos os ámbitos.

Desafiuzamentos

En 2014 o Valedor do Pobo seguiu recibindo queixas sobre desafiuzamentos da vivenda habitual daquelas familias que non puideron facer fronte ao pago do préstamo hipotecario. A institución traballa man con man cos coas plataformas en contacto directo cos afectados para ofrecer mediación e evitar, deste xeito, a privación inmediata da súa vivenda habitual.

A institución reclama maior protección dos poderes públicos para as familias con menores afectadas por desafiuzamentos. Fai extensiva esta petición para as familias que coiden de rapaces e adultos discapacitados ou dependentes.

Persoas con discapacidade

Grazas á intervención do defensor conseguíronse avances significativos como a accesibilidade das persoas con discapacidade auditiva e visual aos cinemas de Galicia. Tamén se logrou o compromiso de creación de prazas de aparcadoiro personalizadas en Santiago, ou a posta en funcionamento dun carné que permita prescindir da obsoleta acreditación que se segue dando a este colectivo.

Pola contra, a institución apreciou prolongadas esperas para o recoñecemento ou renovación das valoracións de discapacidade.

Por encargo do Parlamento de Galicia o Valedor do Pobo realizou unha ampliación do informe extraordinario relativo aos problemas específicos das mulleres con discapacidade intelectual, chegando á conclusión de que deben desenvolverse medidas para compensar a súa maior vulnerabilidade e o déficit de protección que sofren. Tamén se está a traballar na redacción doutro monográfico acerca das necesidades das persoas con discapacidade e as súas medidas de adaptación.

Atención ao colectivo de LGBTI

A lei 2/2014 pola igualdade de trato facultou este ano ao Valedor do Pobo como autoridade independente para a defensa dos dereitos das persoas lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia.

A institución mantivo contactos cos principais colectivos representativos e tramitou as primeiras queixas ao respecto de situacións de posible discriminación pola orientación sexual destas persoas. O obxecto de todas as súas actuacións consiste en velar pola protección da dignidade de todas elas e emprender accións que permitan avanzar cara á efectiva igualdade de trato ante a lei e a sociedade.

 

Exclusión social

A maioría das queixas por asuntos sociais tramitadas en 2014 referíronse a atrasos ou denegacións de rendas de inclusión social ou axudas de emerxencia municipal. Como continuación da actividade exercida en anos anteriores, ante as demoras constatadas, a valedoría dirixiu numerosas recomendacións ás administracións implicadas para que axilicen os trámites e as resolucións das persoas en esta grave situación.

  • Arquivo de audio: Descargue o audio da comparecencia íntegra do Valedor do Pobo en rolda de prensa aquí
  • Descargue o informe íntegro (pdf) aquí

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal