Homenaxe dos valedores á figura do gaditano Juan Relinque, defensor histórico dos dereitos do pobo

13 Maio, 2017 Institución, Novas

A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, os seus homólogos das comunidades autónomas e representantes do Defensor del Pueblo Estatal  rendiron homenaxe hoxe á figura de Juan Relinque, un gaditano veciño de Vejer de la Frontera que no século XVI loitou a favor dos seus veciños contra os abusos e gravames impostos polo Duque de Medina Sidonia, e cuxo esforzo permitiu que o pobo conserve aínda hoxe unhas terras comunais coñecidas como “Hazas de Suerte”.

O acto tivo lugar este 13 de maio no Teatro Municipal de Vejer de la Frontera. Contou coa presenza das valedorías autonómicas de Galicia, País Vasco, Navarra, Comunidade Valenciana, Castela León, Canarias, e da Defensoría estatal así como de representantes institucionais andaluces como o presidente do Parlamento andaluz, Juan Pablo Durán, e do presidente do Tribunal Superior de Justicia de Andalucía, Lorenzo del Río; entre outras autoridades rexionais, provinciais e locais.

Juan Relinque, como “personero”  liderou unha loita e a defensa xurídica dos dereitos da xente do campo de Vejer contra as disposicións e gravames impostos polo Duque de Medina Sidonia. Dentro dos quince preitos sustanciados na Chancillería de Granada, todos eles gañados,  destaca a recuperación de centos de parcelas de terras do seu termo municipal, que no S. XIII o rei Sancho IV entregara mediante sorteo aos veciños como incentivo para atraer á poboación, e que pasaron a ser comunais do municipio de Vejer.

Estas terras reciben o nome de “Hazas de Suerte” e están propostas para ser recoñecidas como Patrimonio Inmaterial pola UNESCO. A loita de relinque permitiu que o sorteo se realizase de forma continua todos os anos bisiestos desde entón. O último tivo lugar o pasado decembro de 2016.

O encontro permitiu dar a coñecer á sociedade esta figura tan significativa e con características semellantes ás dos actuais valedores do pobo.

 

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal