Comunicado da Valedora do Pobo polo Día Internacional da Muller: “Traballamos a prol da igualdade”

08 Marzo, 2022 actualidade, Novas, Novas

 

 

A demanda das mulleres para o recoñecemento dos seus dereitos vén de lonxe e aínda ten camiño por percorrer na procura dun cambio profundo -desde a convivencia pacífica- para erradicar a inxustiza da desigualdade entre xéneros. Se ben estivo liderada maioritariamente por mulleres atopamos cada vez a máis homes implicados.

 

 

Dereitos civiles coma o sufraxio, ou os económicos vinculados ao mundo laboral, estiveron desde o inicio das vindicacións a prol desta defensa. Entre os momentos históricos máis significativos destas reclamacións tivo un lugar primordial a dedicación dunha xornada anual que, con carácter mundial, lembre a situación das mulleres no mercado de traballo, mesmo que xa, a día de hoxe, a súa significación abrangue toda a problemática vinculada a discriminación por mor do xénero.

Estamos xa no 112 aniversario daquel momento e o progreso é innegable nesta materia, se ben a axenda vai mudando en función de cada época histórica e as diferentes situacións debidas ao progreso ou avances sociais de cada país.

 

 

Desde 2018 estamos na chamada cuarta onda feminista. A experiencia demostra que cada nova vindicación non anula as anteriores que, polo xeral, precisan de longos e constantes períodos de tempo para producir cambios substanciais e non perecederos.

Na actualidade, o Día internacional da muller responde a un movemento internacional de mobilizacións e declaracións públicas a prol da igualdade e protección das mulleres na case totalidade de países e, na nosa sociedade, é unha referencia necesaria para coñecermos informes, actualizarmos datos e resituar a axenda nesta materia.

Neste 8 de marzo, afirmamos a nosa dedicación e este labor e a vontade de contribuir ao cambio social e civilizador que procura o traballo a prol da igualdade.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal