CARME VALLS: A muller vista como un “non home” se  invisibiliza por María Xosé Porteiro, Adxunta á Valedora do Pobo.

16 Febreiro, 2021 actualidade, falamos de feminismo, Novas, Novas

 Mujeres invisibles para la medicina. Desvelando nuestra salud, é o título da última publicación da  endocrinóloga catalá Carme Valls Llobet, editada por Capitán Swing. É a máis recente dunha serie que comeza en 1994 con Mujeres y hombres. Neste caso estamos perante a edición doutra publicación de 2006, Mujeres Invisibles, revisada  e actualizada.

Ao longo da súa dilatada carreira, a doutora Valls especializouse na medicina con perspectiva de xénero, unha casuística pouco abordada pola medicina convencional e que introduce unha mirada diferenciada sobre as mulleres e a saúde. Pero Carme Valls non só compartiu o resultado das súas investigacións por medio do seu extenso repertorio de publicacións de divulgación médica, case sempre con perspectiva feminista. É tamén unha persoa activa en ámbitos profesionais e sociais que a levan a participar do consello de redacción da revista Mujeres y Salud, ou do programa o programa “Mujer, Salud y Calidad de Vida” no Centro de Análise e Programas Sanitarios (CAPS), do que é membro desde 1983 e vicepresidenta. O seu traballo recibiu notables recoñecementos como o Premio Boas Prácticas de Comunicación Non Sexista, da Asociación de Mujeres Periodistas de Cataluña, recibido en 2018; e a Medalla da Universidade de Valencia, en 2019.

En Mujeres Invisibles, ao longo de case 500 páxinas, Valls fai unha viaxe a través dos falsos mitos, prexuízos, esquecementos e desaparición das mulleres, e as súas especificidades, na práctica da medicina e nos estereotipos que a determinan cun enfoque sexista. Nada menos que o 52% da poboación mundial, e sen diferenzas notables segundo clase social ou lugar no que vivan, é invisible para as ciencias da saúde e para quen as practica como profesionais cuxo traballo é nuclear para o benestar da poboación e para un xusto tratamento dun dos dereitos humanos básicos.

O asunto que aborda a doutora Valls é, de seu, extremadamente importante e novidoso. Ten, ademais, o mérito dun tratamento divulgativo que non lle resta rigor. A isto hai que engadir unha claridade expositiva que non esconde a súa opinión -e podería dicirse que a súa mirada feminista-. E, non menos valioso, as súas frecuentes referencias a outras investigacións, ou testemuños, que enriquecen e fortalecen os seus argumentos. Xa o prólogo é un anticipo de todas as confirmacións que o texto seguinte traeranos. A súa autora, a recoñecida psicóloga Anna Freixas, é unha experta no envellecemento das mulleres, a  coeducación e a súa visión desde o feminismo e, en xeral, a evolución da Investigación e docencia en psicoloxía desde unha perspectiva de xénero. É, tamén, unha das pioneiras no tratamento da xerontoloxía feminista en España.

Ao igual ca outras grandes pensadoras feministas contemporáneas como as antropólogas, Rita Segato, arxentina, cando analiza o machismo e fala do “mandato de masculinidade”, ou no seu día, Kate Millet, ao utilizar o termo sisterhood para definir a alianza fraternal entre mulleres que, posteriormente, Marcela Lagarde, mexicana, incorporó ao castelán como “sororidade”, Carme Valls introduce formulacións que son un achado epistemolóxico e semiolóxico polo seu carácter científico e lingüístico. Así, crea conceptos novos cando afirma que “a sexualidade é o lugar común de toda subxectividade”, “reivindicar o gozo que se sente coa saúde”,  “a muller vista como un non home se  invisibiliza”, “o encarnecemento médico coas mulleres” ou “buscar a xenealoxía de nosa propia vitalidade”, a partir dos cales analiza como se foron consolidando ideas erróneas e sen base científica que discriminan ás mulleres como obxecto da ciencia e como suxeitos das súas conclusións e aplicacións polos profesionais da saúde. Valls deixa moi claro que é preciso “acuñar unha nova definición de saúde” porque xa non nos serve entendela soamente como ausencia de enfermidade ou como simple benestar, e achéganos a estimulante idea de que “se temos de dar vida aos anos, necesitamos unha saúde para gozar.”

Na análise das enfermidades que veñen considerándose especificamente femininas, a autora desmonta os erros diagnósticos, investiga na validez dos motivos que lles son atribuídos e propón outra forma de achegarse a elas por parte dos profesionais médicos e da Investigación científica. O nesgo de xénero nestes casos evidencia que a medida única de análise, diagnóstico e tratamento, foi e segue sendo o home.  Por iso anima aos profesionais expertos en ciencias da saúde a que se incorporen a “un camiño de traballo e cooperación mutua que impregne o corpus científico androcéntrico dunha visión médica capaz de abordar a saúde dos seres humanos dunha forma integral.”

Outra das súas moitas achegas é o nexo que establece entre as emocións vinculadas ás relacións sexuais e afectivas como orixe, ou causante, de auténticas enfermidades que ata o de agora foron despachadas con tratamentos psicolóxicos e psiquiátricos, sen fundamentar a súa necesidade e eficacia. Tamén se aprecia o seu interese e capacidade para atraer a un público obxectivo onde as persoas que sofren algunha destas patoloxías conseguirán comprender as claves de situacións de saúde para as que, en moitos casos, levan toda a vida sen atopar nin o tratamento, nin o trato, adecuados ás súas doenzas e -por tanto- a un maior risco de cronificación das mesmas ou a unha morte temperá. Refírese a isto cando di que “a especialización e a fragmentación manteñen entre as mulleres o descoñecemento e o  estrañamento do propio corpo e os propios síntomas. A submisión practicada durante séculos e a redución ao silencio á que se viron sometidas non facilitaron a exploración de novas estratexias que cambien a situación. Os psicofármacos, ao  sedar as voces do malestar, contribuíron a facer o silencio máis profundo e  hermético.”

É tamén paradigmática a súa apreciación sobre a lentitude dos cambios na ciencia e a dificultade de diseminar os resultados, a pesar do cal advirte “as e os potenciais pacientes en busca de asesoramento e consolo para os seus malestares que tamén deberán cambiar as propias actitudes fronte aos seus corpos e á súa saúde, decidindo da forma máis libre posible se están dispostas e dispostos a emprender o camiño en busca da súa propia vitalidade.” Por deixar reflectida unha das doenzas que exemplifican a non visibilización dunha patoloxía que sofren maioritariamente as mulleres, Valls dedica un capítulo á fibromialxia. É unha das causas máis frecuentes de dor crónica que afecta ao 2,7% da poboación mundial e é máis frecuente en mulleres entre os 40 e 49 anos. En 1992 a Organización Mundial da Saúde considerouna como unha enfermidade que se caracteriza por episodios de dor corporal, cansazo, perda da memoria, dificultade para a concentración e alteracións do estado de ánimo. Aínda hoxe, vinte anos despois, en moitas ocasións os seus síntomas considéranse tan  inespecíficos e subxectivos, que poden derivar a quen os presenta aos servizos de saúde mental.

En Mujeres Invisibles latexa, ao longo de toda a obra, un alento optimista que creo baseado na certeza de que, entendendo os porqués da situación, será posible que a comprensión se transforme en empatía e cada día máis persoas compartan as súas conclusións. De ser así, o cambio ocorrerá e será verdadeiramente transformador.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal