A institución do Valedor do Pobo abriu unha queixa de oficio ante a ameaza de que unha vintena de familias perderan as súas vivendas sociais ante a posibilidade de que a entidade extinguise os seus alugueiros.
Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2018. A institución do Valedor do Pobo rexistrou hoxe unha carta da Delegación Territorial do Banco Santander, na que esta ratifica o seu compromiso de non realizar lanzamentos de inquilinos en situación de vulnerabilidade en A Patiña (Cambre) aínda que existan pagos de renda pendentes. A institución do Valedor do Pobo abriu unha queixa de oficio o pasado 22 de outubro e se dirixiu á Dirección Territorial do Banco Santander ante a preocupante situación dunha vintena de familias, arrendatarias do edificio de vivendas sociais.
No escrito dirixido á entidade bancaria, a institución do Valedor do Pobo apuntou a especial situación de emerxencia social e precariedade económica que viven algunha das familias afectadas. “Concorren feitos diferenciais e elementos de verdadeira vulnerabilidade social ao tratarse de persoas en risco de exclusión ás que a perda de vivenda habitual lles carrexaría lamentables consecuencias”, afirmou a valedora do pobo no seu escrito.
Desde hai décadas, tanto a Declaración Universal dos Dereitos Humanos como o Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais ou a Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea coinciden en resaltar a dimensión social da vivenda, vinculada á mellora das condicións de existencia das persoas. Desde esta perspectiva a institución do Valedor do Pobo solicitou información ao Banco Santander para que informase das circunstancias das vivendas afectadas e dese unha resposta para clarexar a problemática e paliar ou contribuír a mitigar o conflito.
“Esta institución non pode ser allea nin ás especiais situacións de vulnerabilidade de moitas das familias afectadas nin aos prexuízos que lles comportaría a perda das súas vivendas habituais, vivendas que constitúen os seus fogares dende xa fai moitos anos”, explicou a valedora do pobo.
Con data de rexistro de hoxe no Valedor do Pobo, o Banco Santander remitiu un comunicado, achegado previamente ao Concello de Cambre, no que confirma que non procederá a realizar “ningún lanzamento de inquilinos en situación de vulnerabilidade, aínda que existan impagos de renta”, o que quere dicir que non se executarán desafiuzamentos de familias nesas circunstancias.
Ante este avance, restaría que a entidade concretase os períodos de renovación dos contratos de alugueiro así como as rendas que teñan en consideración as vulnerabilidades das familias.
A institución do Valedor do Pobo mantén informado ao Concello de Cambre de todas estas actuacións.
The comments are closed.