As mulleres trans como vítimas de violencia de xénero por Miguel Filgueira Bouza, Maxistrado.

21 Xaneiro, 2021 actualidade, falamos de feminismo, Novas, Novas

Estudei dereito, hai xa moitos anos, e o meu exercicio profesional, durante trinta e tres, xira ao seu redor.

Lembro o inicio, cando tiñas que encherte de novos conceptos, de principios xurídicos. E recordo tamén que unha norma de aplicación xeral dicía que as interpretacións legais debían realizarse, si, segundo o sentido propio das palabras da lei, pero tamén considerando a realidade social do tempo en que deben ser aplicadas e o seu espírito e finalidade.

Realidade social, espírito e finalidade.

Por iso sempre pensei, xa desde antes, creo, que as leis estaban ao servizo das persoas, do conxunto social que forman, e nunca ao revés. Escoitei moitas veces, igualmente, o do imperio da lei, pero que non se converta en xugo. Nunca.

Realidade social, espírito e finalidade.

E en que estou a pensar?. Pois moitas veces nin eu o sei, pero agora nunha cousa concreta.

Violencia de xénero, é un problema que tiven demasiadas veces diante, e mulleres trans.

Sofren tamén a violencia de xénero?, son vítimas?. Estas preguntas non merecen nin ser contestadas, o obvio non necesita argumento.

Pero, entón, que sentido ten que escriba?.

Pois penso que un.

A definición legal da violencia de xénero xa a cualifiquei como pequeniña, pois, cinguida ao ámbito da relación matrimonial ou análoga, deixa á marxe moitas realidades, aínda que igualmente dixese que a nosa lei foi, en certa maneira, pioneira. A realidade social, por fin, imponse a esas definicións, sen dúbida, xa non pode discutirse.

E en España, por outra banda, existe a posibilidade legal de rectificar a mención da condición sexual da persoa no Rexistro Civil, aínda que cuns requisitos que converten ao camiño en, como pouco, demasiado longo.

Polo que o problema é, unha muller trans que non realizou, porque non quere ou non pode, ou completou, esa rectificación da mención do seu sexo no rexistro público, pode ter a consideración legal de vítima de violencia de xénero?.  E digo consideración legal, só legal, porque o obvio tampouco merece reflexión.

Aínda que se deron, no ámbito xurídico, opinións contrarias.

Pois, de novo, realidade social, espírito e finalidade.

Unha muller trans, vítima do ataque dun estraño, ou do xefe, ou do profesor, ou do cliente do establecemento, doutros tantos, non terá agora esa consideración, pero como ningunha, e iso porque ese concepto da violencia é pequeniño, desde o punto de vista legal. Chegará que sexan certos, que atopen o seu reflexo, o Convenio de Istambul, os Pactos de Estado, o investimento en dignidade que igualmente botaba en falta.

E, no ámbito dunha parella heterosexual?. Pois, como todas. Por moito que queira discutirse con opinións contrarias.

Non é a miña intención aburrir agora, neste escrito, con citas extensas. Pero, algunha, quero facer, porque me parecen significativas, reveladoras, simplemente de como empezan a entenderse as cousas, esa realidade social, de por onde debemos ir, ou debemos ir indo. Reproducindo, para non aburrir, só unhas frases e, de verdade, non descontextualizadas.

Di, por exemplo, a Circular da Fiscalía Xeral do Estado 6/2011, e estas circulares, non podemos esquecer, marcan a intervención que debe protagonizar cada fiscal en todo recuncho do Estado.

“… Por tanto, aínda cando a muller transexual non acudise ao Rexistro Civil para rectificar o asento relativo ao seu sexo, se se acredita a súa condición de muller a través dos informes médico forenses e informes psicolóxicos pola súa identificación permanente co sexo feminino, estas mulleres transexuais, nacionais e estranxeiras, poden ser consideradas como vítimas de violencia de xénero”.

 

E a Sentenza da Audiencia Provincial de Palma de Mallorca do 7 de marzo de 2017, ROJ SAP IB 306/2017, “… Atendendo aos informes médicos e ao resto de argumentos xa sinalados, debemos entender que, aínda que aínda non conte con nome e apelidos de muller, recoñécella medicamente como tal polo que o asunto debe ser instruído ante o xulgado de violencia sobre a muller que corresponda, confirmando o auto recorrido.”

Violencia de xénero, sen dúbida, pero aínda queda.

Violencia de xénero, é un máis aló, a realidade social, insisto, desborda a definición legal. E no ámbito da parella, o que, por agora, -só-, temos, non debemos cuestionar o evidente.

A muller non necesita adxectivos e, a pesar dos que se queiran poñer, só, por simplemente muller, é violencia de xénero, o espírito da lei ha de ser un. Sen trabas, superando esas interpretacións primeiras que transcribín, de novo pioneiras, pero faltas, quizá, de máis pasos. Pois, para definir a violencia de xénero, non pode precisarse que a persoa aprobe demasiados exames.

Lembremos os principios, a función das leis, esquezamos a preguiza, non podemos descoñecer a realidade social, a finalidade das normas, que a violencia de xénero, en todas as súas manifestacións, é unha realidade simple e particularmente odiosa. E por iso falamos, e niso cremos.

 

 

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal