Artigo da Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño: “Coidar a que nos coida”, publicado no Especial do día 25 de xullo no Xornal El Correo Gallego.

04 Agosto, 2020 actualidade, Eventos, Eventos, falamos de feminismo, Novas, Novas

 

O Hostal dos Reis Católicos foi erixido, por decisión dos Reis Católicos, coa finalidade de ofrecer hospedaxe e asistencia médica a quen culminaba o Camiño de Santiago. Como se recolle no documento da súa fundación, moitos dos peregrinos pobres e enfermos perecían por non ter quen os recibise e  apousentara. Tanto na súa función de hospedaxe, como sobre todo na súa función de hospital, o Hostal, desde o ano 1511, en que finalizou a súa construción, ata a actualidade, é monumento representativo da importancia dos coidados para a sociedade enteira e elemento indispensable para a pervivencia de Santiago como centro de peregrinación.

Nestes tempos da pandemia do  COVID-19, evidenciouse intensamente a importancia dos coidados. E tamén se evidenciou que son as mulleres as que están en primeira liña porque son as que asumen o traballo de coidados. Están  feminizados o sector da sanidade a todos os niveis (médicas, enfermeiras ou auxiliares), o da dependencia e coidado de persoas maiores ou con discapacidade (tanto as coidadoras non profesionais como as de atención domiciliaria, centros de día e residencias), o coidado de nenas e nenos, o emprego no fogar e o sector de limpeza.

A segregación profesional das mulleres nos traballos de coidado (as paredes de cristal) determinou, desde os primeiros tempos da revolución industrial en que as mulleres e os nenos eran cualificados laboralmente como medias forzas, unhas condicións de emprego e traballo inferiores ás doutros sectores profesionais  masculinizados onde os empregos son máis seguros, as retribucións maiores e en xeral mellores as condicións de traballo. E é que así resulta que se ofrece mellor retribución e condicións laborais a quen coida ás máquinas, que a quen coida ás persoas.

Paradoxalmente, as profesións de coidado,  desvalorizadas en situacións de normalidade sanitaria, eríxense nas profesións máis necesarias nestes momentos para o tratamento de persoas enfermas e a contención da enfermidade. Non só son as máis necesarias, tamén son as máis expostas ao risco de contaxio. De feito, as persoas contaxiadas en profesións do ámbito sanitario foron maioritariamente mulleres.

Como consecuencia diso, xérase un crecente consenso social e institucional na necesidade de atribuír maior valor ao traballo de coidados en todas as súas variantes. Un consenso que roza a unanimidade cando a opinión emana de organismos de igualdade a todos os niveis. A nivel internacional destacar o chamamento realizado por ONU Mulleres, e o Instituto Europeo de Igualdade de Xénero.

 

Os desafíos crecentes aos que se enfrontan as persoas dedicadas ao traballo de coidados, maiormente mulleres, deben conducir a unha mellora do seu recoñecemento social que debe traer aparellado unha mellora das súas condicións de traballo, e traballos igualmente remunerados en termos comparativos con outros traballos de igual valor.

Volvamos de novo a mirada ao Hostal dos Reis Católicos, monumento emblemático de Santiago de Compostela e de Galicia enteira. O esforzo de construción entón asumido para coidar a quen viña ao noso país en peregrinación xacobea, que nos sirva de exemplo para coidar a quen nos visita, para coidarnos a nós mesmos e tamén para coidar a quen nos coida.

 

 

 

 

 

 

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal