GALICIA TEN MÚSCULO EN IGUALDADE DE XÉNERO por Dolores Fernández Galiño, Valedora do Pobo

18 Abril, 2022 falamos de feminismo

Galicia e as súas institucións teñen músculo en igualdade de mulleres e homes.

Neste senso, a Comunidade Autónoma de Galicia, en desenvolvemento das obrigas impostas no artigo 4 do Estatuto de autonomía, vense comprometendo desde sempre, e sempre de xeito exemplar e pioneiro, na defensa da igualdade de xénero.

Froito deste compromiso aprobouse a Lei 3/1991, de 14 de xaneiro, de creación do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, e, no exercicio das súas funcións, aprobáronse sucesivos plans para a igualdade das mulleres galegas.

Na mesma liña, desde 1994, está constituida no Parlamento galego, a Comisión para a Igualdade e para os Dereitos das Mulleres, que vén elaborando e emitindo conclusións e dictames en sucesivas lexislaturas, no relativo a igualdade e a violencia de xénero.

Os cambios acaecidos na formulación e nos contidos das políticas públicas de igualdade desde a IV Conferencia mundial das mulleres de Beijing (1995), tamén tivo reflexo en Galicia a través de tres leis pioneiras en España e inspiradas na integración da dimensión da igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes en todo o ordenamento xurídico e en todas as actuacións dos poderes públicos (principio de transversalidade): a Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes; a Lei 2/2007, de 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia; e a Lei 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero.

 

A Lei 7/2004, que é a lei xeral de igualdade de xénero en Galicia, supuxo un importante paso adiante en relación coas leis autonómicas de igualdade de xénero que, ata 2004, se aprobaran e que se limitaban a recoller contidos programáticos máis propios dun plan de igualdade. Pola contra, a Lei 7/2004 contiña un número importante de aspectos de indubidable natureza coercitiva, gañando en perfeccionamento técnico xurídico e pasando de meras afirmacións de dereitos a un tratamento máis rigoroso e técnico das posibilidades de esixencia ós poderes públicos dos dereitos das mulleres[1].

Deste xeito, a Lei 7/2004 marcou o inicio dunha nova etapa na produción lexislativa das comunidades autónomas, con leis de máis densidade obrigatoria, entre as cales tamén se situaron as leis de igualdade do País Vasco (2005), ou de Andalucía (2007). Ademais, a Lei 7/2004 adiantouse en case tres anos a lei estatal de igualdade (Lei Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes).

A Lei 2/2007, referida especificamente ao traballo en igualdade, presenta a particularidade de ser totalmente novidosa pola súa temática centrada no ámbito do emprego e as condicións de traballo, e por iso tamén foi cualificada como lei pioneira[2].

Ambas leis xorden ao constatar como feito notorio e indiscutible que, malia os logros conseguidos, se mantén na nosa sociedade a situación de desigualdade entre mulleres e homes. E a partir dese feito, ambas leis xustificanse na necesidade de afondar no compromiso da Comunidade autónoma de Galicia na defensa da igualdade e contra a discriminación. Con esa finalidade garanten a vinculación da totalidade dos poderes públicos galegos no cumprimento da transversalidade como instrumento imprescindible para o exercicio da totalidade das competencias autonómicas nunha clave de xénero que procure conseguir, en suma, a eliminación de todas as discriminacións por mor do sexo/xénero, e dos prexuízos que as causan.

Estas dúas leis foron refundidas no Decreto Lexislativo 2/2015, de 12 de febreiro, posteriormente reformado en tres ocasións, nas que destaca a acometida pola Lei 13/2021, do 20 de xullo. Esta lei introduciu disposicións legais para garantir a igualdade real entre mulleres e homes no ámbito universitario e da investigación, polo que é considerada como pioneira dada a fenda de xénero nestes ámbitos.

Pola súa banda, a Lei 11/2007, sobre violencia de xénero, tamén foi pioneira. Se ben se aprobou case tres anos despois da lei estatal (Lei Orgánica 1/2004, de 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero), o seu carácter pioneiro obedece ao concepto mesmo do que se debe considerar como violencia de xénero. Mentres a lei estatal contempla só “a violencia que, como manifestación da discriminación, a situación de desigualdade e as relaciones de poder dos homes sobre as mulleres, se exerce sobre estas por parte de quen sexan ou foran seus cónxuxes ou de quen estean ou estiveran ligadas a elas por relacións semellantes de afectividade, aínda sen convivencia”, a lei galega ofreceu xa no 2007, un concepto moito máis amplo ao definir a violencia de xénero como “calquera acto violento ou agresión, baseados nunha situación de desigualdade no marco dun sistema de relacións de dominación dos homes sobre as mulleres que teña ou poida ter como consecuencia un dano físico, sexual ou psicolóxico, incluídas as ameazas de tales actos e a coacción ou privación arbitraria da liberdade, tanto se ocorren no ámbito público coma na vida familiar ou privada”.

A citada Lei 11/2007 ten, en consecuencia, un concepto moito máis amplo de violencia de xénero que a lei estatal, pois non limita o concepto á violencia de xénero no ámbito da parella ou ex parella, co que se axusta moito mellor ao concepto  manexado en instancias internacionais e, en particular, no Convenio do Consello de Europa sobre prevención e loita contra a violencia contra as mulleres e a violencia doméstica (Estambul, 2011).

As posteriores reformas da Lei 11/2007 manteñen a esta na vangarda da protección. Neste senso, a Lei 12/2016, do 22 de xullo, incluíu expresamente como forma de violencia de xénero, “a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual”. E neste mesmo senso, a Lei 14/2021, de 20 de xullo, incluíu como violencia de xénero “a violencia vicaria, entendida esta como o homicidio, asasinato ou calquera outra forma de violencia exercida sobre as fillas ou fillos da muller, así como sobre calquera outra persoa estreitamente unida a ela, coa finalidade de lle causar maior dano psicolóxico, por parte de quen sexa ou fose o seu cónxuxe ou por quen mantivo con ela unha relación análoga de afectividade aínda sen convivencia”.

Tamén nese mesmo senso é de salientar a aprobación da Lei 15/2021, de 3 de decembro, que incluíu expresamente como outra forma de violencia de xénero a “violencia de xénero dixital ou violencia en liña contra a muller, que inclúe todo acto ou conduta de violencia de xénero cometido, instigado ou agravado, en parte ou na súa totalidade, polo uso das novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC), como Internet, plataformas de redes sociais, sistemas de mensaxería e correo electrónico ou servizos de xeo-localización, coa finalidade de discriminar, humillar, chantaxear, acosar ou exercer dominio, control ou intromisión sen consentimento na privacidade da vítima; con independencia de que o agresor garde ou non relación conxugal, de parella ou análoga de afectividade no presente ou no pasado, ou de parentesco coa vítima”.

É esta, unha actividade lexislativa do Parlamento de Galicia no ámbito da igualdade de xénero que nos permite corroborar como conclusión o que xa adiantamos ó comezo:

Galicia e as súas institucións teñen músculo en igualdade de mulleres e homes. Porén queda moito para que a igualdade sexa real e efectiva e para a erradicación da violencia de xénero.

Resulta oportuno lembrar, para rematar, as seguintes palabras de Simone de Beauvoir:

“Non esquezades xamais que bastará unha crise política, económica ou relixiosa para que os dereitos das mulleres volvan ser cuestionados. Estes dereitos nunca se dan por adquiridos, debedes permanecer vixiantes toda a vosa vida”.

  • – –

[1] Según la opinión de María Luisa BALAGUER CALLEJÓN, en “Comentario a la Ley 7/2004, del Parlamento Gallego, de 16 de julio, para la igualdad de mujeres y hombres”, en la Revista, publicada por la Junta de Andalucía, Artículo 14: Una perspectiva de género, número 17, 2004, pp. 54 y 55 passim.

[2] Rosa PÉREZ YÁÑEZ, “Comentario a la Ley 2/2007, de 28 de marzo, del trabajo en igualdad de las mujeres en Galicia”, en Artículo 14: Una perspectiva de género, número 25, 2007, pp. 43 a 46.d

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal