A valedoría promoverá unha nova queixa de oficio sobre os atascos da AP-9 entre Pontevedra e Vigo

15 Maio, 2018 Institución, Novas, Seguridade viaria
Santiago de Compostela, 16 de maio de 2018. A institución do Valedor do Pobo promoverá unha queixa de oficio para investigar de novo os prexuízos que ocasionan aos usuarios da AP-9 os reiterados atascos que padecen no tramo que une Pontevedra e Vigo.  En 2017 a institución do Valedor do Pobo xa actuara ante as repercusións dos atascos que os usuarios da autoestrada viñan sufrindo neste tramo. A empresa concesionaria non aceptou naquel entón a proposta de abrir as barreiras cando as circunstancias impedisen ofrecer un servizo de calidade.
A valedoría volverá actuar xa que o problema de atascos nese tramo de autoestrada reproduciuse de novo ocasionando a correspondente perda de tempo aos usuarios sen que a concesionaria lles exima do aboamento das peaxes ante os prexuízos ocasionados. Igual que ocorreu en 2017, os responsables da autoestrada non abriron as barreiras como unha consecuencia lóxica de reacción ante a imposibilidade de manter un servizo adecuado nunha estrada de pago.
A institución dirixirase de novo a Audasa que, na investigación previa, non aceptou a liberación das peaxes ante as colas que se repetían ano tras ano.
Desde a valedoría considérase que o servizo nunha autoestrada de pago ten que ser óptimo de forma permanente, e en caso de non ser así perde sentido utilizala como alternativa máis rápida e segura que a vía convencional.
Se ben existe o criterio de que a cidadanía, con caráter xeral, debe sufrir as consecuencias das obras de mellora en todas as infraestruturas públicas, non é aplicable co mesmo alcance ás autoestradas de peaxe. O desenvolvemento de obras prexudiciais para o servizo debería ir acompañado de medidas compensatorias aos usuarios que ven aumentar os tempos nos seus desprazamentos, co que a consecuencia lóxica podería pasar pola exención do aboamento dos peaxes mentras as molestias perduren.
Ao se tratar dunha autoestrada de peaxe de competencia estatal, a institución do Valedor do Pobo non pode supervisar, no marco das súas atribucións, o funcionamento concesional, o que non lle impide emitir un criterio fundado nin facer valoración crítica ante o Parlamento de Galicia.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal