A valedora obtén o compromiso da Xunta para axudar a instalar bucles magnéticos en edificios públicos

08 Xuño, 2016 Discapacidade, Institución, Novas

A visita da valedora do pobo a Pontevedra, rexistrada o pasado 18 de maio, segue dando froitos. A inmediata tramitación dos asuntos expostos na xuntanza coa veciñanza celebrada na Casa das Campás permitiulle agora arrincar á Xunta de Galicia o seu compromiso para axudar aos concellos a instalar bucles magnéticos nos seus edificios públicos. Estes dispositivos permiten unha mellor audición das persoas usuarias de audiófonos ou implantadas cocleares. Tal e como denunciaron algúns afectados á valedora en Pontevedra, existen instalacións nesa cidade que ben non dispoñen deles ou os teñen inactivos.

Grazas á súa intervención, a valedora do pobo pode trasladar agora aos afectados a posta en marcha dunha orde, por parte da Consellería de Política Social, que outorgará subvencións aos concellos galegos para mellorar a accesibilidade aos seus edificios e espazos de uso público. No catálogo de dispositivos “subvencionables” incorpóranse alternativas técnicas que fan accesibles os sistemas de comunicación e sinalización a toda a poboación tales como: carteis en braille, pictogramas, pantallas, lectura fácil ou os demandados bucles magnéticos.

O Valedor do Pobo mantén un total de 11 expedientes abertos como resultado da visita a Pontevedra do mes pasado.  Ata o de agora a institución xa conseguiu solucións para  algunhas das peticións achegadas pola cidadanía. A Fonte dos Leóns do barrio de Estribela, que quedara sen auga corrente despois dunhas obras de canalización do gas na Rúa Cunchidos, xa dispón de auga corrente. Tamén os cines de Pontevedra comprometéronse a permitir o acceso a persoas diabéticas ou con enfermidade inflamatoria intestinal con material hixiénico, sanitario e alimentos específicos que precisan, tal e como reclamaban a asociación de nenos con diabete ANEDIA e ASESEII, que defende os intereses dos enfermos intestinais.

A valedoría mantén aberta outra investigación en relación a problemas detectados en vivendas públicas na zona de Valdecorvos. Xa se dirixiu á Consellería de Infraestruturas e Vivenda para que lle informe sobre os excesivos gastos de comunidade e subministro que afectan ás persoas que viven nesta urbanización en réxime de alugueiro.

Outros asuntos en marcha tratan a presenza de postes de electricidade en fincas privadas, presuntas irregularidades en programas de rehabilitación de vivendas, problemas coa xerencia de persoal do Sergas e a seguridade viaria dos ciclistas. Desde a institución tratarase de dar resposta, coa máxima axilidade, a todas estas queixas.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal