A Valedora do Pobo inicia investigación para coñecer a situación dos doentes illados por Covid-19 e o seu acompañamento no caso de urxencia vital.  

28 Abril, 2020 actualidade, Novas, Novas

 

Unha das principais características desta crise sanitaria é a soidade que viven os enfermos afectados polo virus covid-19, esta soidade é un efecto indesexable da prescrición médica de illamento a fin de non propagar a infección pero que sen dúbida contribúe a agravar aínda máis o triste estado emocional dos doentes e dos seus familiares.

 

Nesta institución iniciouse actuación de oficio para coñecer as medidas adoptadas pola Administración Sanitaria para que os enfermos en situación de illamento  hospitalario a consecuencia da infección polo virus Covid-19 poidan contactar cos seus familiares ou chegado o caso despedirse dos seus seres queridos.

 

Requirimos información á Consellería de Sanidade, que xa nola remitiu. No informe sinálase o seguinte:

“Atopámonos ante un escenario no que as situacións de risco de contaxio e as necesidades de prevención, conducen a que algúns doentes enfermen e morran en soidade. Ás veces, os familiares e outros seres queridos non poden facer un acompañamento nin ao longo do proceso de enfermidade nin logo do falecemento. Son cuestións que poden obstaculizar os procesos de dó polo desacougo que xera o abandono obrigado do doente, por non poder dicir aquelo que desexamos ou por no podermos abrazar doentes e familiares.

Ante a crise sanitaria causada polo Covid-19 o Consello de Bioética de Galicia emitiu un documento con algunhas consideracións éticas, no que se recolle que unha das características desta crise que agudiza o drama que se vive é a soidade, a falta de acompañamento que vén determinada pola necesidade de illamento ante o potencial contaxio.

A soidade supón para a persoa enferma, na maioría dos casos, unha agresión emocional e a imposibilidade de concluír a súa historia, a súa biografía. Pero é que ademais ten connotacións moi importantes para a toma de decisións (por exemplo, por falta de representantes naquelas situacións nas que o paciente non está en condicións de decidir por si mesmo, pola propia enfermidade aguda ou pola sedación terapéutica), incluídas as decisións relativas a consentir tratamentos fóra de indicación aprobada ou tratamentos experimentais, e finalmente a soidade impón aos profesionais a obriga moral de acompañar á persoa enferma que está soa.

Deberíase facilitar que estas decisións as poidan realizar os familiares ou persoas de referencia de forma telemática. Hai que ter presente o documento de Vontades anticipadas/Instrucións Previas como procedemento de boa práctica clínica que debe consultarse se hai constancia deste tipo de documento ou se se estableceu na historia clínica un nivel de intensidade terapéutica previo ao ingreso.

Ante a probable prolongación e intensificación da crise sanitaria é urxente  buscar alternativas que permitan o acompañamento ás persoas enfermas, e como mínimo a aquelas que están nos últimos días das súas vidas e sempre  proporcionadas ás esixencias sanitarias de protección da saúde pública.

 

Estas recomendacións foron elaboradas por profesionais do Servizo Galego de Saúde e coa colaboración da Asociación Galega de Saúde Mental, e están orientadas á cobertura de dúas necesidades principais que poden axudar agora e previr no futuro:

1.- ACOMPAÑAMENTO DO DOENTE.

➢      Non recibirá visitas, salvo circunstancias especiais ou ante a previsión de falecemento. Débese favorecer unha vía de comunicación entre os doentes e os familiares durante o tempo de ingreso. Todo o que sabemos sobre o trato, as emocións e a comunicación, tende a esluírse entre o urxente e a sobrecarga, e precisamos un esforzo extra para lembralo e organizalo.

O estado emocional do paciente debe ser obxecto de consideración ao mesmo nivel que a súa saúde física. A permanencia durante períodos prolongados sen a presenza de seres queridos pode xerar estados de ansiedade e depresión, que redunden en déficits inmunitarios e causen un mal prognostico. Por iso temos que salvagardar o benestar emocional das persoas.

Achegar unha nota, darlle unha mensaxe, entregar algún obxecto persoal, mostrar unha fotografía, facilitar o contacto a través dunha vídeo chamada… son cuestións importantes para o despois.

➢      Visitas presenciais en momentos de final de vida. Deberiamos contemplar a posibilidade de que un familiar realice unha visita breve, con protección e distancia adecuada, antes do falecemento do doente, co obxectivo de poder representar aos seres queridos do doente e facer unha despedida real e simbólica. O familiar que acuda a ver ao paciente non debe ser un contacto de risco nin estar infectado por SARsCov2.

➢      Visita presencial tralo falecemento. Deberiamos poder ofrecer a un achegado a posibilidade de acompañar durante un breve período de tempo o corpo do finado, coas medidas de precaución necesarias, para así axudar a expresar verbalmente ao resto de achegados a perda e as súas circunstancias.

Consideración particular merecen os casos de persoas menores, con discapacidade ou en circunstancias particulares.

2.- RITOS.

Os ritos proporcionan cohesión, apoio, alivio e sentimento de pertenza ao grupo. Os profesionais valoramos e confiamos na capacidade que toda comunidade ten de afrontar as perdas e as adversidades, aprendida ao longo dos tempos a través de xeracións e xeracións, como a solidariedade, a empatía, o apoio mutuo… Todos estes xestos, actos e ritos axudan a reconstruír e elaborar as devanditas perdas.

Con todo, esta crise impide os rituais compartidos habituais (velorios e funerais) e, aínda que temos o convencemento de que as persoas crearán novos ritos para afrontar a perda nestas circunstancias, faise necesario lembrar que, nas nosas intervencións coas familias e co resto da comunidade, debemos pensar en adaptarnos a este presente de doenza e confinamento.

  1. a) Aos familiares e achegados pódeselles recomendar que realicen algún acto compartido co resto dos seres queridos que sirva de lembranza e homenaxe do falecido, recorrendo, por exemplo, ás novas tecnoloxías. Tamén se lles pode sinalar a posibilidade de adiar o funeral ou acto de despedida para cando por fin podan reunirse.

Non debemos esquecer nin excluír os menores nestes actos. Estes terán que recibir a información da perda e teremos que axudalos a realizar o seu propio acto de despedida recorrendo a alternativas facilitadoras de expresión de emocións como son as cartas, os debuxos, etc.

En xeral, debemos contribuír a que diminúa a angustia diante da ausencia obrigada e dar un lugar para a lembranza do falecido, onde se permita a expresión de afecto e se facilite o apoio da contorna.

  1. b) Cos medios de comunicación: desde a saúde mental, débeselles invitar a participar e contribuír nesta tarefa de soporte emocional, ofrecendo formatos diversos que lembren os falecidos de maneira individualizada e recollan e/ou transmitan as mensaxes das persoas implicadas.

Estas recomendacións xerais deben concretarse en cada centro, en función das súas particularidades, a través de protocolos nos que se recollan os procedementos de acompañamento a pacientes e información a pacientes e familias .”

Co informe aclárase que a Consellería de Sanidade está a adoptar un conxunto de medidas para paliar a grave situación humanitaria  xerada por esta crise sanitaria tendo en conta por un lado a situación dos enfermos e por outro a protección da saúde pública.

 

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal