A valedora do pobo deseña un plan de eficacia e aforro na súa xestión para os primeiros cen días

14 Outubro, 2015 Institución, Novas, Transparencia

A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, quere ofrecer un servizo áxil e eficaz á cidadanía. Desde a súa chegada á institución hai un mes xa implantou dúas medidas pioneiras na defensoría: a apertura do servizo de atención ás persoas en horario vespertino e a promoción de visitas aos concellos galegos para contactar coa cidadanía nos seus lugares de orixe. Estas propostas completaranse nas próximas semanas co inicio de novas liñas mestras de xestión eficaz e de aforro económico, que permitirán optimizar o funcionamento da institución nun momento no que dar resposta áxil, eficaz, clara e directa ás queixas se convirte en prioridade máxima da institución.

Un dos primeiros compromisos adquiridos pola actual titular da valedoría é a reducción do seu orzamento nun 2%. No contexto de crecemento que experimentarán o resto das institucións, a alta comisionada parlamentaria minora a súa dotación para 2016, que pasará do 1.719.025 euros cos que contaba desde o ano 2014 a 1.684.644 que ten comprometidos para o novo ano.

Asemade quere facer un uso exemplar do gasto público, por iso a valedora prescindirá de grande parte das súas viaxes e dos gastos derivados das mesmas,  substancialmente as de índole internacional, sen que isto supoña unha diminución da necesaria presenza e representación. Fomentarase deste xeito o uso da videoconferencia e os mecanismos de comunicación electrónica coas principais redes internacionais de ombudsman e comisionados de dereitos humanos cos que mantén compromisos.

Ante a imposibilidade de cambiar o único vehículo oficial da institución (un Audi A6 adquirido en 2011) polas canles legalmente establecidas, sen que supoña grande desembolso engadido de cartos públicos, reactivarase o seu uso, sempre racional, para os desprazamentos oficiais da titular, para visitas de inspección e outras incidencias.

O Valedor do Pobo, por outra banda, manterá o seu compromiso de aforro na subministración de enerxía eléctrica por medio da REDEXGA, Rede de Enerxía da Xunta de Galicia, cunha previsión de aforro do 42% dos consumos de agora en dous anos.

En atención a outro dos mandatos da renovada Lei do Valedor do Pobo, as comunicacións electrónicas serán prioritarias coa cidadanía e coas administracións supervisadas. Reduciranse as cargas administrativas e se garantirán aforros notables nos consumos de correo postal, maquinaria de impresión, consumibles, etc.

O propósito de estar máis cerca das persoas materializarase nas próximas semanas co inicio, por parte da valedora do pobo, dos seus desprazamentos a diferentes puntos da comunidade para atender á cidadanía na súa contorna. Algúns concellos xa amosaron o seu interese en poñer a disposición da institución oficinas provisionais de atención directa aos veciños.

A institución promoverá, por outra banda, actividades de divulgación e fomento da cultura de dereitos humanos e paz, co foco posto en especial no ámbito educativo, a mocidade e os colectivos vulnerables. Traballarase arreo nesta tarefa, tamén coa promoción de publicacións e o deseño de iniciativas de debate e pedagoxía abertas a todos os que o desexen.

Todas estas medidas implantaranse a medio prazo, antes de que finalice o ano. Coas mesmas, a valedora do pobo quere garantir a eficacia na xestión deste alto comisionado parlamentario, que cada mes acomete máis de 2.500 actuacións de atención cidadá de media, máis de 2.000 delas relacionadas con expedientes de queixa.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal