A valedora do pobo amosa a súa preocupación polo atraso no aboamento das pensións aos galegos retornados de Venezuela

20 Outubro, 2016 Dereitos, Institución, Novas

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2016. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga,  remitiu unha carta á defensora del pueblo, Soledad Becerril, como resposta á demanda de axuda que lle achegaron pensionistas galegos retornados de Venezuela afectados polo retraso de máis de dez meses no aboamento das súas pensións.

Os afectados demandan apoio da valedora, despois de presentar o seu caso ante o Defensor del Pueblo, órgano con competencias na supervisión  dos entes públicos estatais. Otero dirixe unha comunicación á súa homóloga en Madrid para solicitar colaboración “para coñecer o curso das queixas” que recibiu e para rogarlle que sexan tramitadas coa maior celeridade posible, dado o seu interese social.

Aínda que os pensionistas galegos retornados de Venezuela non dirixiron queixa formal á valedora, si que lle achegaron, sobre todo por medio das redes sociais, numerosas mensaxes en demanda de amparo. Trátase de persoas que desenvolveron toda ou parte da súa vida laboral no país suramericano e levan dez meses sen recibir o aboamento das súas pensións. Moitos deles alertan de que, de manterse os atrasos, poderían empezar a sufrir efectos moi graves ao non poder asumir o pagamento de vivendas ou servizos básicos de subministración.

Os galegos afectados xa dirixiron escritos á Presidencia do Goberno e ao Ministerio de Asuntos Exteriores y Cooperación, ambos os dous en funcións, para que se interesen pola súa situación. Solicitan que desde España se inste ao Goberno de Venezuela a cumprir co preceptuado en materia de pensións nun convenio asinado entre os dous países en 1988.

A valedora carece de competencias na supervisión de actos da administración estatal. O seu sentir lévaa a estar moi preto do colectivo de cidadáns galegos prexudicados por estas circunstancias, polo que permanecerá vixilante e en comunicación permanente coa titular do Defensor del Pueblo para se interesar por eles.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal