A valedora desprazarase aos concellos galegos para ofrecer atención directa á cidadanía

28 Setembro, 2015 Institución, Novas

A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, estreará nas próximas semanas unha iniciativa de achegamento ás persoas, que a levará a manter encontros periódicos coa cidadanía nos seus lugares de residencia. Xa remitiu invitacións aos alcaldes dos sete principais concellos da comunidade, aínda que a idea consiste en estender a iniciativa a todos os recunchos da nosa xeografía.

Un dos obxectivos da nova valedora pasa por afirmar a súa contribución á creación dunha auténtica cultura de dereitos entre a poboación e transmitir cales son os mecanismos para poder exercelos. A súa vontade consiste en facelo con base no principio de proximidade, en contacto directo coa poboación xa que, como afirma na misiva remitida aos alcaldes, a cidadanía ten dereito a unha presenza achegada da valedora.

Milagros Otero apela á colaboración dos concellos nesta primeira fase de encontros. As actividades de atención directa á veciñanza celebraranse de xeito presencial, e con participación da valedora, en espazos municipais de carácter veciñal, cultural ou social que determinen as institucións.

Desde o Valedor do Pobo considérase que a defensa dos dereitos humanos debe ser unha tarefa a desenvolver en rede, con implicación de todos os axentes públicos. Desde que o pasado 2 de setembro, a actual valedora tomara posesión, dous foron os seus propósitos para o primeiro mes de traballo xa materializados: a apertura en horario de tarde dos servizos de atención presencial na oficina de Santiago e a organización de accións de encontro coas persoas nos seus lugares de residencia. Neste último aspecto convídase aos municipios interesados en contar coa visita da valedora a solicitalo por medio do correo electrónico: valedor@valedordopobo.gal.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal