A intervención en tempo récord da valedora permitiu paralizar o desafiuzamento dunha muller con tres fillos menores ao cargo en Vigo

06 Novembro, 2018 Dereitos, Exclusión social, Institución, Muller, Novas

A institución dirixiuse á inmobiliaria Divarian nada máis coñecer a situación da familia para que aprazase o lanzamento previsto para este mércores, 7 de novembro. Os servizos xurídicos de Divarian comunicaron en menos dunha hora á valedoría a “suspensión excepcional polo prazo dun mes”  na busca de alternativa habitacional para esta familia.  

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2018. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, solicitou onte de urxencia aos Servizos Xurídicos da inmobiliaria Divarian o aprazamento do desafiuzamento en Vigo dunha muller con tres fillos menores prevista para este mércores, 7 de novembro. A mediación efectuada tamén por vía de urxencia, dada a inmediatez do lanzamento, obtivo unha resposta en tempo récord da entidade inmobiliaria responsable destes activos. Así en menos dunha hora a valedora do pobo obtivo o compromiso de Divarian de suspender excepcionalmente o lanzamento e de colaborar coas administracións na busca de solución habitacional alternativa.

A Plataforma Stop Desafiuzamentos Vigo-Tui-Baixo Miño puxo en coñecemento da institución a situación grave da muller con tres fillos menores ao cargo ante o risco inminente de perda da vivenda habitual. A orde xudicial de lanzamento co correspondente desaloxo da vivenda estaba prevista para este mércores, 7 de novembro. A valedora iniciou os contactos de inmediato tanto con Divarian, empresa que xestiona eses activos inmobiliarios para instar a paralización do lanzamento; como co Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para interesarse polas súas xestións no marco das competencias que ten atribuídas. A institución do Valedor do Pobo ten subscrito un acordo de colaboración co Instituto para a tramitación urxente de problemas derivados de desafiuzamentos.

A familia debería abandonar mañá a vivenda na que residen na cidade de Vigo desde aproximadamente dous anos e medio. Tal e como coñeceu a valedora do pobo esta muller, perceptora de subsidio de desemprego de menos de 500 euros, arrendou o inmoble de xeito verbal coa propiedade do mesmo.

A suspensión do lanzamento responde á necesidade de buscar vivenda alternativa para a familia, aspecto este ante o que a institución do Valedor do Pobo permanecerá vixilante.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal