encontro cos veciños de Marin

A institución inicia a tramitación de máis dunha ducia de queixas achegadas polos marinenses na visita da valedora

13 Xuño, 2017 Institución, Novas

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2017. Unha semana despois de que Milagros Otero, valedora do pobo, visitase Marín, a institución xa iniciou unha ducia de queixas que lle achegaron os veciños no encontro mantido con eles na Biblioteca Municipal. A valedora tomou boa nota das principais demandas da cidadanía. Máis de doce deron lugar a queixas en sentido estrito, que xa iniciaron a súa tramitación ordinaria.

Entre os asuntos destacados pola cidadanía de Marín, hai varias iniciativas relacionadas coa ausencia de infraestruturas culturais na localidade. Un dos temas que acadou máis protagonismo gardou relación coa necesidade dun Auditorio ou centro cívico que ademais de acoller eventos culturais, outorgue aos marinenses locais de ensaio e espazos de encontro para as entidades culturais.

Os veciños tamén solicitaron a intervención da valedoría para crear un museo adicado ao mar que se podería nutrir de materiais que gardan varios ex mariñeiros da localidade como testemuña do seu traballo tales como maquetas, fotografías, aparellos e obxectos propios da profesión.

Outras queixas recollidas en Marín teñen relación con deficiencias co transporte desde Marín, incumprimentos da normativa de memoria histórica por parte do concello, cuestións urbanísticas de diferente índole ou asolagamento dunha rúa nos días de moita choiva.

A valedoría xa admitiu a trámite a primeira das queixas e pediu informe ás administracións acerca dos problemas de convivencia entre peóns e ciclistas e o estado do carril bici no seu percorrido municipal. O resto das iniciativas serán impulsadas pola defensoría nos próximos días.

A institución do Valedor do Pobo agradece a boa acollida da veciñanza da localidade de Marín e confía en atopar solucións aos problemas denunciados nunha marxe curta de tempo.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal