A xornalista María Méndez, reflexiona desde unha perspectiva transversal en igualdade. No Congreso da APG: Propiciando a igualdade de xénero.
Cada vez que unha noticia de violencia machista nos sorprende nos medios de comunicación, xorden unha infinidade de análises sobre o porqué e o como erradicar a que xa está considerada como a maior secuela social do noso século.
Profesionais de todos os ámbitos, lanzámonos a realizar sisudos razoamentos sobre as causas que poden influír que nunha sociedade tan evolucionada como a nosa, poidan xerarse acontecementos tan dramáticos como a perda dun ser humano a mans doutro por cuestións emocionais.
Pero era necesario facer unha reflexión o máis profunda posible que nos permita entrar de cheo nunha cuestión xa admitida como fundamental para os que interveñen na análise desta situación: é prioritario alcanzar a plena igualdade de xénero. Só desde a consecución deste principio, poderemos reconducir un despropósito que escurece as nosas vidas e que dá por concluída violentamente miles de historias humanas.
E neste obxectivo de alcanzar a plena igualdade de xéneros, os medios de comunicación xogan un papel fundamental. É un feito irrefutable que a súa actuación posúe unha gran relevancia na construción da imaxe do mundo que elabora cada persoa e a nivel de imaxinario colectivo. E a súa capacidade para reproducir e crear os modelos femininos e masculinos, isto é, o que social e culturalmente é considerado adecuado do ser muller e do ser home, permítelles ser un axente de primeira orde para a construción desa igualdade de xénero.
Con estes criterios, a Asociación de Xornalistas de Galicia (APG), propúxose entón visibilizar a intervención que veñen tendo os medios de comunicación á hora de lograr a plena igualdade de xénero. Pero acometelo desde unha plataforma congresual que permitise abordar todos os aspectos vinculados á actuación dos medios e poidan servir de ponte para profundar no espiñento tratamento que vén dando á violencia machista.
Unha abordaxe sen ambaxes. Honesto e máis aínda, cunha mirada crítica á actuación dos medios nestes ámbitos, como rezaba o título do foro. Ao noso entender era necesario comprender como veñen expoñendo desde os medios o obxectivo da igualdade. Tanto desde un punto da súa propia estrutura interna, como externo, no que se refire ao tratamento dos contidos e os fundamentos que rexen a súa elaboración.
Unha execución na que resultou decisivo o apoio da Secretaria Xeral da Igualdade cuxa titular, Susana López Abella, mostrou a súa plena complicidade desde os primeiros escorzos do programa.
O resultado foron dous días de intensa e profunda exposición representantes da práctica totalidade dos medios de comunicación presentes en Galicia, así como reputados profesionais no ámbito da administración, universitario, xudicial e mediático do resto do país, acometeron exemplares e sisudas exposicións sobre as nosas debilidades e fortalezas nesta materia tan sensible.
De aí que o maior éxito da cita congresual fose a enorme e xenerosa dispoñibilidade exhibida polos medios de comunicación para poñer en altofalante cuestións tan importantes como a presenza distorsionada da muller nos medios, a existencia ou non do sensacionalismo no tratamento da violencia machista, e a construción dunha comunicación sexista, entre outros múltiples aspectos debatidos durante unha xornada e media en Santiago de Compostela.
Diferentes interrogantes que seguen configurando o nó gordiano do tratamento que veñen dispensando o espectro mediático á igualdade e á violencia de xénero.
Un encontro esencialmente construtivo que permitiu poñer de manifesto a enorme preocupación instalada entre os medios á hora de influír e intervir co seu quefacer neste complexa pero superable realidade, quedando de manifesto a súa moi activa e comprometida loita contra a violencia machista.
Unha das formulacións emanadas neste foro foi que os medios de comunicación públicos deben ser punta de lanza na causa da igualade e que a escasa presenza das mulleres nos postos de toma de decisións nas empresa xornalísticas, seguen supoñendo coa conciliación, factores que limitan o papel da muller nos medios.
Das propostas de traballo para o futuro destaca a elaboración dun código de boas prácticas para a súa consulta polos medios, aínda que tamén quedou constatado que algúns dos medios xa o veñen aplicando.
Como un dos aspectos máis positivos emanados é que os novos soportes mediáticos, con redaccións máis novas, son máis proclives a consultar fontes feministas, introducindo de maneira natural a perspectiva de xénero e axudan a romper os estereotipos.
Con respecto ás universidades detéctase certa resistencia á inclusión da perspectiva de xénero que segundo os seus relatores, é necesario facer extensiva a todas as titulacións, á docencia e a investigación.
Pero una das conclusións que máis reflectiron o sentir de case o centenar de profesionais presentes, derívase da súa altísima valoración emitida sobre a súa celebración, mostrándose unha demanda unánime de foros transversais que permitan a reflexión e a posta en común sobre xénero e violencia machista.
Todo un reto asociativo e para os medios de comunicación que, seguramente nos permitirá propiciar a chegada dunha nova realidade marcada pola plena igualdade e a erradicación da violencia machista.