Acto de entrega dos Premios Valedora do Pobo 2026.

O pasado venres día 19 tivo lugar no salón de Graos da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela a cerimonia de entrega da sexta edición dos Premios Valedora do Pobo, promovidos por esta institución e coa colaboración das tres universidades galegas.

No acto, presidido por Lorena Añón, Vicerreitora de Estudantado, Igualdade, Diversidade e Benestar da Universidade de Santiago de Compostela, interviron a directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Yolanda Rodríguez Castro, a directora da Oficina de Igualdade de Xénero da Universidade da Coruña Mª José Abad, a conselleira de Política Social e Igualdade da Xunta, Fabiola García Martínez e a valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, ademais das catro gañadoras e de María Maneiro, que foi a encargada do relatorio convidado.

 

Co título “Mulleres sen Voz”, María Maneiro explica como transformou os retos dunha parálise cerebral do 86% nunha capacidade de superación e adaptación excepcional. Como, onde moitos ven unha limitación, ela desenvolveu unha metodoloxía de vida, a de atopar solucións creativas onde outros só ven barreiras.

María é graduada en Publicidade, posúe un máster en Arte Publicitaria e outro en Xornalismo Audiovisual. Actualmente está a cursar Xornalismo. Traslada que entre 2027 e 2022 cursou máis de 20 formacións complementarias: por que tantas? Porque, explica, cando o mundo che pon límites, ti decides que a túa mente sexa infinita. A verdadeira loita non é contra a condición física, sensorial ou cognitiva, é contra os prexuizos, engade. Ademáis aclara que a discapacidade é parte da diversidade humana.

María estivo na Editorial Galaxia, Fundación ONCE, Televisión de Galicia e este último ano foi bolseira na Institución da Valedora do Pobo.

É membro de Mulleres Referentes de Galicia e fai valer a mensaxe de que a vontade e a formación son as únicas medidas reais do talento.

Conclúe a súa intervención dicindo que busca un mundo no que non nos defina o que non podemos facer, senón a pegada que deixamos ao facelo á nosa maneira.

 

En relación ao traballos premiados, foron os seguintes:

 

TFGs

 

De terceira a primeira persoa: a necesidade dun cambio no relato artístico da prostitución. Autora: Laura Carballido Méndez. Universidade de Santiago de Compostela.

Este Traballo de Fin de Grao denuncia que a historia da arte contribuíu a construír e perpetuar un relato patriarcal sobre a prostitución, oscilando entre a romantización e a marxinación segundo a clase social. Propón, desde unha perspectiva feminista abolicionista, revisar a iconografía (da cerámica grega ao cinema contemporáneo) para evidenciar a mirada masculina e a violencia estrutural que normalizan a explotación sexual. A través da análise comparada de obras e discursos culturais, o estudo cuestiona a lexitimación estética do “espectáculo” prostitucional e visibiliza as súas consecuencias, incluída a violencia extrema. Fronte a esa narrativa en terceira persoa, reivindica o cambio cara a testemuños e producións en primeira persoa.

 

Violencia na pornografía e o seu impacto nas prácticas sexuais dos mozos universitarios/as: Un estudo cualitativo na UdC. Autora: Jimena Cardona Felipe. Universidade da Coruña.

O TFG “Violencia na pornografía e o seu impacto nas prácticas sexuais dos mozos universitarios/as: un estudo cualitativo na UDC” analiza como a pornografía online dominante reproduce imaxes e guións sexuais atravesados por violencia e desigualdade de xénero, co pracer masculino como eixo e as mulleres en roles de submisión e dispoñibilidade. Para iso combina observación participante virtual 100 vídeos e 12 entrevistas en profundidade a estudantes de 18-25 anos. Conclúe que a pornografía actúa como pedagoxía sexual informal, polo que se expón a necesidade de educación afectivo-sexual crítica centrada en consentimento, límites e relacións igualitarias.

 

TFMs

 

Os dereitos afectivos e sexuais das mulleres maiores: un estudo piloto nunha gran urbe galega e a súa área metropolitana. Autora: Genoveva Gundín González. Universidade da Coruña

Este TFM analiza, desde un enfoque feminista, crítico e interseccional, a situación dos dereitos afectivos e sexuais de mulleres maiores de 65 anos mediante un estudo piloto na Coruña e a súa área metropolitana, combinando técnicas cuantitativas e cualitativas. A investigación evidencia carencias de educación afectivo-sexual, estigmas idadistas e mandatos patriarcais que condicionan o benestar, o desexo e a autonomía. Como resposta aplicada, deseña unha proposta socioeducativa replicable baseada en Círculos de Mujeres, Grupos de Axuda Mutua, Aprendizaxe Colaborativa/Cooperativa e Ikigai, orientada ao empoderamento e a resignificación positiva da sexualidade na vellez. O obxectivo final é visibilizar estes dereitos, fortalecer redes de apoio e promover o seu recoñecemento social e político.

 

A transposición anticipada da Directiva (UE) 2024/1385 como vía para unha protección integral fronte á violencia de xénero en España. Autora: Aldara Tubío Pereira. Universidade de Santiago de Compostela.

O traballo diagnostica que o sistema español de violencia de xénero, a pesar de ser pioneiro, segue sendo estruturalmente incompleto porque a L.O 1/2004 limita a protección integral á violencia no ámbito da parella ou expareja, deixando fose outras violencias (sexual, dixital, económica, institucional, trata, etc.). Sostén que a Directiva (UE) 2024/1385 achega unha definición ampla e estrutural, aliñada con estándares internacionais e a Carta de Dereitos Fundamentais, e que a súa transposición anticipada (sen esperar a 2027) permitiría corrixir exclusións e desigualdades reais no acceso a xustiza, recursos e asistencia. Analiza ademáis reformas españolas recentes como avances parciales e diferidos que non resolven a fragmentación normativa. Como achega doutrinal, propón explorar un “efecto directo anticipado” para disposicións claras, precisas e incondicionais da Directiva, a fin de estender de inmediato a tutela. Conclúe reclamando unha reforma estrutural e coordinada que use a Directiva como oportunidade para garantir unha protección igualitaria e efectiva dos dereitos fundamentais.

 

resultouche interesante?, comparte este artigo nas túas Redes Sociais.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest