No día de onte, Dolores Fernández Galiño, valedora do pobo, acompañada pola asesora Mar Barcón, visitou o novo centro de atención integral sociosanitario para persoas con enfermidades raras que a Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas inaugurou na Coruña hai apenas catro meses.
Nesta nova sede, que se completou co apoio económico da Xunta de Galicia e a Fundación Amancio Ortega, combínase a atención integral tanto de persoas adultas como de poboación pediátrica afectada por enfermidades raras, coa atención ás súas familias, e conta con áreas de atención diferenciada, áreas de terapia ocupacional ou aula de estimulación sensorial, ademais das innovacións tecnolóxicas máis punteiras e un equipo moi competente.
FEGEREC naceu da suma de esforzos entre asociacións do ámbito sociosanitario que compartían o centro García Saabell na Coruña. Ao longo destes últimos 14 anos comezaron un camiño de atención integral, innovación, formación e procura da excelencia para as familias e os usuarios.
Axudan ás familias e afectados con todo o acompañamento desde que chega a persoa ou familia cun problema grave ata orientar e canalizar as terapias ou recursos, incluíndo a atención domiciliaria, a orientación en xeral, ou o asesoramento xurídico.
A entidade recibiu hai anos de mans da raíña Letizia un premio nacional polo seu percorrido, esforzo e compromiso.



