A Valedora do Pobo recibe o Premio María José Arcos de FADEMUR Galicia polo seu compromiso coa igualdade e coas mulleres rurais

A Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, recibiu o pasado xoves, 15 de outubro, un dos primeiros Premios María José Arcos, concedidos por FADEMUR Galicia no marco da celebración do vixésimo aniversario da organización e do Día Internacional das Mulleres Rurais, nunha xornada celebrada no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.

O galardón recoñece o seu compromiso coa igualdade, a loita contra a violencia de xénero e a defensa dos dereitos das mulleres do rural. Durante a súa intervención, a Valedora salientou a importancia de escoitar as persoas, atender as súas reivindicacións e garantir que vivir nunha aldea ou nun pequeno concello non supoña ter menos oportunidades nin menos dereitos.

A institución comparte este recoñecemento coas gandeiras Felisa García Corbal, de Cospeito, e Elisa Rial Fariña, de Santa Comba, distinguidas pola súa traxectoria, o seu compromiso co sector agrogandeiro e a súa participación na defensa do sector primario; e coa regueifeira Lupe Blanco, polo seu labor a prol da lingua galega, a tradición oral, o rural e a igualdade.

Os premios homenaxean a memoria de María José Arcos, traballadora de Unións Agrarias e figura fundamental nos inicios de FADEMUR en Galicia, e recoñecen o papel das mulleres que, desde distintos ámbitos, contribúen ao desenvolvemento e á cohesión social do territorio.

A Valedora que pechou o acto de entrega ,  recibiu o premio con gratitude, como un recoñecemento tamén ao papel esencial das mulleres rurais no desenvolvemento económico, social e cultural de Galicia. Mulleres que, co seu traballo, o seu coñecemento e o seu compromiso, sosteñen as familias, dinamizan o territorio, preservan a lingua e as tradicións e contribúen a construír unha sociedade máis xusta e igualitaria. Recoñecer a súa achega é tamén recoñecer que o presente e o futuro de Galicia non se poden entender sen o seu protagonismo.

 

 

resultouche interesante?, comparte este artigo nas túas Redes Sociais.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest