Unha das principais liñas estratéxicas definidas pola Valedora do Pobo na súa etapa á fronte da institución é a efectividade do dereito fundamental á igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes. O feminismo, como ideoloxía que promove a igualdade de mulleres e homes, e a erradicación dos estereotipos que coartan a súa liberdade, ten que ser aceno de identidade da institución, o feminismo sen cualificativos. O feminismo necesita de mulleres feministas fortes e de homes feministas fortes.
Por este motivo, é urxente analizar a situación do persoal investigador e, en particular, a repercusión que a maternidade ten na carreira investigadora das mulleres científicas. Segundo informacións recibidas, as investigadoras non poden competir en condicións de igualdade en convocatorias ou avaliacións de proxectos científicos pola falta de inclusión do factor de corrección derivado das baixas de maternidade. Por outra banda, na configuración da carreira científica, a constante presión para participar en grupos de investigación que poidan obter financiamento para proxectos competitivos penaliza ás mulleres científicas cando non se adoptan as medidas necesarias para unha efectiva corresponsabilidade parental e para unha conciliación real.
A igualdade de trato e a igualdade de oportunidades das mulleres en relación co embarazo, o permiso por maternidade ou a crianza dos fillos deben plasmarse na carreira científica. A evidencia desta brecha de xénero nas actividades relacionadas coa ciencia, a tecnoloxía, a enxeñería e as matemáticas fan que unha porcentaxe moi baixa de nenas inclínense por desenvolver a súa formación en ámbitos científicos ou tecnolóxicos.
Polo exposto a Valedora decidiu iniciar unha nova actuación de investigación para coñecer os datos en relación á igualdade de trato e a igualdade de oportunidades no ámbito da investigación científica. En concreto, trátase de definir e avanzar nas actuacións para a efectividade do dereito á igualdade das mulleres investigadoras na carreira científica no seo das universidades e centros de investigación en Galicia.