Respectar o dereito de deambulación de determinadas persoas con diversidade funcional.

O pasado 13 de abril coñeceuse polos medios de comunicación a situación dunha persoa con diversidade funcional no contexto do confinamento decretado pola crise sanitaria do COVID-19. Debido ás súas circunstancias a persoa ten a necesidade de saír acompañada á rúa, ante o que algunha persoa reaccionou increpándoa a ela e a súa acompañante, a nai. Esta pon o acento na súa radical negativa a identificar por medio de calquera tipo de signos á persoa pola súa diversidade.

Ao respecto a Valedora do Pobo cre necesario deixar constancia firme de que as diferentes medidas legais, protocolos e recomendacións relacionados coa crise sanitaria do COVID-19 deben interpretarse de tal xeito que en ningún caso supoñan a vulneración dos dereitos e/ou o menoscabo da dignidade das persoas con diversidade funcional.

Neste senso, as nenas, os nenos e en xeral todas as persoas con alteracións conductuais as que o confinamento afecte negativa e significativamente teñen o dereito a deambular polos espazos públicos cumprindo as medidas precisas e proporcionais para previr no posible os contaxios.

É necesario facer un chamamento a toda a sociedade para que se respecte o citado dereito, e tamén ás autoridades das diferentes administracións para que o fagan respectar.

Debe quedar patente que se desbota calquera medida de identificación externa das persoas con diversidade funcional, posto que resultaría claramente lesiva dos seus dereitos e un ataque intolerable a súa dignidade.

Santiago de Compostela, a 15 de abril de 2020.

resultouche interesante?, comparte este artigo nas túas Redes Sociais.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest