Reforzamos o noso traballo na Valedora do Pobo pola Pandemia da Covid-19

As persoas e a sociedade enteira están a responder con altas doses de responsabilidade e solidariedade á pandemia do coronavirus. As institucións deben estar á altura dese esforzo individual e colectivo, en especial as encargadas da defensa dos dereitos da cidadanía. A Valedora do pobo segue aplicando todos os seus esforzos e poñendo todos os seus medios humanos e materiais ao servizo da cidadanía, e máis nunha situación de ameaza da saúde pública e de confinamento domiciliario como a que estamos a vivir, pois baixo estes condicionantes os dereitos cidadáns atópanse limitados no seu exercicio. Desde o primeiro día hábil seguinte á declaración do estado de alarma, a Valedora do Pobo substituíu a actividade presencial do seu persoal polo teletraballo. Sen solución de continuidade, mantívose a actividade institucional, recibindo e tramitando as queixas ordinarias, iniciando investigacións de oficio e mantendo contacto fluído coas organizacións e entidades sociais.

 

INVESTIGACIÓNS DE OFICIO

 

Iniciamos investigacións de oficio en varios ámbitos relacionados coa pandemia. Destacamos: unha primeira actuación para comprobar a accesibilidade e atención dos Centros de Información á Muller durante o estado de alarma; as dificultades para solicitar axudas por violencia de xénero dada a carencia de certificados dixitais e a imposibilidade de acudir aos servizos de maneira presencial; para manter as prestacións de inclusión social e acelerar as pendentes de resolución durante o estado de alarma; actuacións en materia de vivenda ante a crise sanitaria derivada da Covid-19; a situación do sector marisqueiro galego pola crise da Covid-19; o estado de tramitación das axudas ás entidades de defensa dos dereitos das persoas con discapacidade; as medidas adoptadas para a recollida de residuos de pacientes en illamento domiciliario pola Covid-19; e a prórroga do tempo de permanencia nunha vivenda expropiada para a construción dun parque público, acordando a entrega das chaves cando finalice do estado de alarma.

TRAMITACIÓN INMEDIATA

 

A Institución recibiu varias queixas en relación coa pandemia, que, conxugando urxencia e menor impacto procedimental, tramitou coa precisa inmediatez e ausencia de formalismo.

 

Nalgúns casos, a situación afecta a colectivos ou persoas en situación de especial vulnerabilidade. Así sucede no caso da falta dun servizo diario e as 24 horas de intérprete de lingua de signos para a atención sanitaria das persoas xordas, así como as carencias de accesibilidade para esas persoas na información necesaria para loitar contra o coronavirus; no mesmo sentido, a dificultade para acceder a medios de subsistencia das familias dedicadas á actividade de venda ambulante; o corte da subministración eléctrica durante a vixencia de estado de alarma; ou a falta de subministracións alimenticias ou de primeira necesidade ás persoas que os recibían de entidades sociais.

Algunhas das máis importantes cuestións sinaladas relativas a investigacións de oficio e queixas xa tiveron unha resposta positiva por parte das administracións competentes.

OUTROS ASUNTOS

Outros asuntos abordados nas queixas son: a exclusión das axudas pola Covid-19 aos autónomos en réxime de estimación por módulos; a falta de medidas en relación coa persistencia da obrigación de pago de alugueres nos pisos de estudantes que se desocuparon durante o estado de alarma, a diferenza das medidas adoptadas na rede universitaria de residencias; a alegación da falta de garantía de dereitos dixitais en amplas zonas do rural galego, con insuficiencia de cobertura de internet ou ancho de banda, o que ocasiona problemas para continuar a formación académica on line ou a realización de tarefas escolares; ou a restricións de mobilidade en relación cos acompañantes dos enfermos oncolóxicos que reciben tratamento de quimioterapia.

Na loita contra a pandemia hai que protexer a saúde das persoas, coidar aos que nos coidan, dar atención aos colectivos vulnerables e desfavorecidos, e sentar as bases para un restablecemento sólido da actividade.

As inquietudes relativas á ausencia de equipos de protección e de probas PCR foron comunicadas á Valedora desde o momento inicial da declaración do estado de alarma. Tramitamos as queixas e iniciamos investigacións de oficio para abordar a cuestión exposta en relación co persoal sanitario, sociosanitario e de axuda no fogar. En caso de denuncia de ausencia de EPIS en empresas privadas informamos sobre a posibilidade de poñer os feitos en coñecemento da inspección de traballo. Contactamos tamén co Defensor do Pobo, á vista de que a normativa emanada do Estado establecía condicións relativas ao manexo do material.

As persoas maiores sofren un maior risco pola Covid-19 que as converte en persoas especialmente vulnerables. Recibimos tamén queixas sobre a situación dalgunhas residencias de persoas maiores. Tramitamos as queixas e iniciamos investigación de oficio para coñecer con detalle as actuacións que se están levando a cabo.

En todas aquelas actuacións e servizos que quedaron sometidos ás autoridades competentes sinaladas no Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola Covid-19, trasladamos o asunto ao Defensor del Pueblo, en aplicación dos principios básicos de coordinación e cooperación previstos no artigo 12.2 da Lei Orgánica 3/1981, respectando sempre o establecido na Constitución e no Estatuto de Autonomía.

Iniciamos investigación que trasladamos ao Defensor sobre a necesidade de modificar o Real Decreto 463/2020 para incluír unha regulación sobre a suspensión do réxime de visitas durante o estado de alarma. Trasladamos ao Defensor a queixa sobre a discriminación polas diferentes medidas adoptadas polo Goberno para a protección das persoas cun ERTE e os que son obxecto de despedimento definitivo en contratos temporais. Noutros casos trasladamos ao Defensor a situación de empregados de empresas públicas ou sociedades estatais con particulares circunstancias por mor da pandemia, ou as propostas de sanción por incumprimento do deber de confinamento cando concorrían circunstancias excepcionais, pero non previstas entre as actividades permitidas tras a limitación da liberdade de circulación.

COMUNICADOS PÚBLICOS

A Institución emitiu comunicados públicos coa finalidade de liquidar problemas que xurdiron ou puidesen xurdir con relación á pandemia. Fixemos un comunicado chamando á solidariedade e á responsabilidade para evitar determinadas condutas discriminatorias cara a determinados colectivos, particularmente cara ao pobo xitano. Tamén difundimos unha comunicación sobre os dereitos das persoas con discapacidade na emerxencia sanitaria, na que entre outras cousas resaltamos a importancia manter un contacto permanente coas entidades de defensa deses dereitos, o que pola nosa banda estamos a facer de forma directa e frecuente. Hoxe mesmo, 8 de abril, celébrase o día do pobo xitano, polo que emitimos un comunicado de apoio con esa ocasión, chamando a atención sobre a necesidade de remover os prexuízos e de promover a inclusión contando coas mulleres, os homes, as nenas e os nenos xitanos (o detalle desas comunicacións atópase na nosa web).

FALAMOS DE FEMINISMO

O foro “FALAMOS DE FEMINISMO” mantívose activo e subimos dúas publicacións sobre “muller e coronavirus”. Difundimos as recomendacións das autoridades sanitarias sobre a situación das mulleres embarazadas e as pautas a seguir cos recentemente nacidos con “Covid-19”.

REFORZAMOS O NOSO COMPROMISO

A Valedora é consciente da extrema situación que xerou a pandemia e que motivou a declaración do estado de alarma e de aí o propósito para que o noso labor en defensa dos dereitos dos cidadáns, nesta situación de emerxencia sanitaria e social, materializásese sen restar enerxía nin esforzos ás autoridades e ás persoas que, en primeira liña, ocúpanse da xestión das consecuencias da pandemia.

Reforzamos o noso compromiso informando a través deste comunicado e de comunicados sucesivos sobre as actuacións que levan a cabo relacionadas coa pandemia e o estado de alarma.

resultouche interesante?, comparte este artigo nas túas Redes Sociais.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest