Sobre os dereitos das persoas con discapacidade na emerxencia sanitaria

O illamento pode resultar imposible para as persoas que precisan apoio para as súas actividades básicas. Por iso son esenciais axustes razoables que permitan reducir os contactos e os riscos, e manter informados aos familiares e as persoas de referencia.

Tamén resaltou que a información sobre a contención do COVID-19 debe ser accesible mediante tradución á lingua de signos ou por calquera outro medio ou formato necesario, e puxo de relevo que as organizacións de persoas con discapacidade deben ser consultadas e estar involucradas en todas as etapas da resposta ao COVID-19.

Son necesarias medidas adicionais para a protección social das persoas con discapacidade; en especial deben ter a garantía de que a súa supervivencia é considerada prioritaria e que os protocolos garanten que “cando os recursos sexan limitados non se lles discrimine no acceso á saúde, incluíndo as medidas para salvar vidas”.

A comisionada da ONU concluíu que as autoridades “teñen unha maior responsabilidade con esta poboación debido á discriminación estrutural que enfrontan”.

A Institución da Valedora do Pobo subliña a súa plena coincidencia coas orientacións da relatora da ONU. Nese senso está a realizar a súa labor de promoción e garantía dos dereitos das persoas con discapacidade por medio de actuacións de oficio, queixas e co contacto coas entidades de defensa dos seus dereitos.

Coas entidades déronse anteriores contactos. Coincidindo co comunicado da relatora da ONU novamente puxémonos en comunicación co vicepresidente do CERMI, o presidente da federación de asociacións de persoas xordas de Galicia, para ofrecer a nosa colaboración en caso de que se coñezan situacións que merezan ser avaliadas para a preservación dos dereitos das persoas con discapacidade na actual situación de emerxencia.

O representante do CERMI transmitiu que neste intre considera que para a mellor defensa dos dereitos das persoas con discapacidade debe garantirse a plena accesibilidade das comunicacións na atención ás persoas con discapacidade, asunto que a Valedora do Pobo ven coñecendo a través dunha actuación de oficio.

A través desta comunicación fluída e permanente coas entidades de defensa dos dereitos das persoas con discapacidade a Valedora do Pobo permanecerá atenta a calquera problema que poda afectar a esas persoas na actual situación de emerxencia.

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2020.

resultouche interesante?, comparte este artigo nas túas Redes Sociais.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest