Fernández Galiño: “É importante alertar sobre a subsistencia dos prexuízos idadistas no contexto dunha sociedade avellentada”

A valedora do pobo, María Dolores Fernández, destacou a importancia de abordar as políticas públicas relativas ás persoas maiores de idade desde un enfoque baseado nos dereitos e non nos estereotipos idadistas. Fíxoo o pasado venres na súa intervención no Congreso Internacional de Xeriatría e Xerontoloxía, que tivo lugar en Santiago de Compostela.

Explicou que, historicamente, o dereito ignorou a idade como causa de discriminación. Esta diferenza de tratamento vén dada, en parte, por asumir que o valor das persoas decrece a medida que pasa o tempo. De feito, a valedora resaltou que aínda non temos un convenio internacional para paliala, a diferenza do que acontece con outros factores de vulnerabilidade como o sexo ou a discapacidade. Fronte a unha óptica marcada polos prexuízos idadistas, que considera as persoas maiores como prescindibles, a valedora manifestou a necesidade de garantir os seus dereitos, “para o cal é preciso, como presuposto ineludible, ter unha representación realista do alcance das desvantaxes que padecen”.

A comisionada do Parlamento de Galicia resaltou a importancia de considerar a dimensión de xénero desta segregación, pois as mulleres son maioría neste colectivo como consecuencia da súa esperanza de vida. Con todo, contan cunha posición máis vulnerable, pois son elas quen se encargan dos coidados familiares ao longo da vida, incluída a vellez. Este rol de coidadoras, unido á discriminación no emprego, tamén ocasiona que teñan unhas pensións máis reducidas. A situación socioeconómica precaria, a discapacidade ou, no caso de Galicia, a ruralidade son, a xuízo da valedora, outros elementos que inciden na discriminación interseccional.

A mesa estivo moderada por Raimundo Mateos e nela interviñeron Vânia de la Fuente e Andrés Losada.

resultouche interesante?, comparte este artigo nas túas Redes Sociais.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest