Declaración da rede de muller dos Ombudsman iberoamericanos sobre dereitos reprodutivos

Como resultado desta xornada os componentes da rede, da que forman parte todos os defensores autonómicos de España e estatais tanto español como de Portugal e Andorra, formularon unha declaración que se transcribe a continuación:

«“Como resultado deste encontro, celebrado en Vitoria-Gasteiz, as compoñentes da Rexión europea da Rede de mulleres da Federación Iberoamericana do Ombudsman formulamos a seguinte DECLARACIÓN:

*O desenvolvemento da sexualidade e a capacidade de procreación están directamente vinculados á dignidade da persoa e ao libre desenvolvemento da personalidade e son obxecto de protección a través de distintos dereitos fundamentais, señaladamente, daqueles que garanten a integridade física e moral e a intimidade persoal e familiar. A decisión de ter fillos e cando telos constitúe un dos asuntos máis íntimos e persoais que as persoas afrontan ao longo das súas vidas, que integra un ámbito esencial da autodeterminación individual.

*Os dereitos reprodutivos son dereitos humanos que alcanzaron a súa lexitimidade institucional en 1994 na Conferencia Internacional sobre Poboación e Desenvolvemento ( CIPD) no Cairo. Ao ano seguinte en 1995, na 4ª Conferencia Mundial da Muller en Beijing, reafirmáronse as definicións do Cairo, quedando expresamente recoñecido o dereito das mulleres para exercer a súa sexualidade en condicións libres de discriminación, coerción e violencia. E completouse o parágrafo 8.25 do Cairo relativo ao aborto, recomendando expresamente aos países que revisasen as lexislacións punitivas en relación ás mulleres.

*Así mesmo, a OMS foi introducindo nos seus documentos e guías prácticas os avances, tanto científicos como sociais nos dereitos sexuais e reprodutivos, ao longo destes anos. Concretamente declarou en 2014 que todas as mulleres teñen dereito a recibir o máis alto nivel de coidados en saúde, que inclúe o dereito a unha atención digna e respectuosa no embarazo e no parto, e o dereito a non sufrir violencia nin discriminación. Así como o impulso e desenvolvemento nos ámbitos das políticas públicas, sanitario, educativo, formativo e estratexias de saúde sexual e reprodutiva, en consonancia coas recomendacións da OMS.

*Unha eficaz intervención require dun adecuado diagnóstico da realidade á que se ha de dar resposta, que permita a monitoraxe da situación ao longo do tempo. Iso implica o desenvolvemento dun sistema de indicadores pertinentes e acoutados ao obxecto do estudo, comparables, actualizados e avaliados con carácter periódico. Con este obxectivo, resulta recomendable redobrar os esforzos orientados á configuración dun sistema de indicadores de ámbito europeo.

*Do traballo realizado nestas xornadas e tras a análise das deficiencias detectadas podemos concluír a necesidade da posta en práctica de forma real e efectiva das normativas vixentes e os distintos instrumentos recollidas nas mesmas. Así como o impulso e desenvolvemento nos ámbitos das políticas públicas, sanitario, educativo, formativo e estratexias de saúde sexual e reprodutiva, en consonancia coas recomendacións da OMS.”

Vitoria-Gasteiz, 14 de xuño de 2019

resultouche interesante?, comparte este artigo nas túas Redes Sociais.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest