A asamblea xeral da Organización de Estados Americanos (OEA) vén de aprobar no seu Pleno do 22 de xuño, en Washington, a “Declaración dos dereitos de todas as mulleres, adolescentes e nenas, nas zonas rurais das Américas”.
Nas súas consideracións tiveron en conta que as mulleres, adolescentes e nenas, particularmente as das zonas rurais, experimentaron barreiras para o exercicio dos seus dereitos relacionados co acceso, a posesión e a herdanza da terra por razóns que manteñen a subordinación e a invisibilidade estrutural “polo que é esencial que os Estados promovan políticas dirixidas a eliminar todas as formas de discriminación contra as mulleres, especialmente en relación coa terra”.
A Declaración contempla que entre 2024 e 2034 se celebre o “Decenio Interamericano polos dereitos de todas as mulleres rurais” co obxectivo de promover medidas progresivas para o avance de todos os seus dereitos e a erradicación de todas as formas de discriminación que enfrontan.
Con este obxectivo, o período marcado estará dedicado á promoción, protección e defensa dos dereitos e a visibilidade de todas as mulleres, adolescentes e nenas en contornos rurais baixo un enfoque interseccional, entendido como a interconexión de múltiples formas de discriminación, exclusión, e desigualdade.
No próximo outono, o Consello permanente da OEA discutirá os temas destacados nesta declaración e designarán o Día inter americano da muller, a adolescencia e a nena rural.
A institución da Valedora do Pobo apoiou este propósito aceptando o papel de Embaixadora e Madriña, respectivamente, para a Valedora e a súa Adxunta, a proposta da SecretarIa Executiva da Rede Latinoamericana e do Caribe de Mulleres Rurais (REDLAC), Luz Haro Guanga.