Primeiro Diálogo Interxeracional-Valedora do Pobo

O pasado 14 de abril vén de celebrarse o Primeiro Diálogo Interxeracional – Valedora do Pobo, na sede da institución.

Dolores Fernández Galiño presentou esta iniciativa coma un encontro necesario entre persoas xa xubiladas e persoas máis novas para o intercambio de puntos de vista, a aclaración de dúbidas, a procura de puntos de encontro, e a análise das circunstancias que están a dificultar o acceso das persoas maiores a diferentes servizos públicos, ou a oportunidades que se converten en problemas por mor da fenda dixital ou por outras causas, tanto nos maiores como nos máis novos.

Neste diálogo, moderado e presentado pola xornalista María Méndez, participaron as Teresa Mosquera Fandiño, cigarreira xubilada; Charo Catoira, xubilada, presidenta de Comité de barrio do Movimiento Ciudadano; José Manuel López Canosa, xubilado de Abanca e entrenador de fútbol; Juan José Lojo Fandiño, xubilado de Tabacalera; Cinthia Piñeiro, xornalista, bolseira na Radio Galega e premio ex-aequo Valedora do Pobo para TFGs-2023. Priscila Retamozo, máster en Igualdade de Xénero,  Premio Meninas 2022. E Andrés Vázquez, estudante de Dereito, premio á excelencia académica da Xunta de Galicia 2021 e 2022.

No coloquio abordáronse asuntos como a vida laboral, as cotizacións, as pensións, as dificultades para participar en política, a soidade non desexada, os atrancos para a mobilidade e os transportes, a problemática da sanidade, da coordinación sanitaria e da dependencia, a fenda dixital, e, de xeito xeral, o que está a supoñer a que xa se coñece como “novo xeito de discriminación por razón da idade: o idadismo”.

O avellentamento, un proceso digno e saudable

Con esta actividade, a Valedora do Pobo da continuidade á experiencia desenvolvida en febreiro de 2022 coa celebración dunha xornada titulada Abordar o avellentamento coma un proceso digno e saudable, que se desenvolveu no Auditorio Municipal do Carballiño.

Naquela ocasión falouse das discriminacións intersectoriais para as mulleres maiores, a cargo do catedrático Jaime Cabeza; para o colectivo LGTBI, polo activista Federico Armenteros; e na aprendizaxe  para o avellentamento, a cargo do xornalista Xaime Fandiño.

Andrés Vázquez -que tamén interveu no citado Diálogo interxeracional- fixo daquela unha aproximación aos  dereitos das persoas maiores que supuxo unha primeira experiencia para involucrar nesta temática  a unha persoa moi nova, estudante de dereito, e incorporar un punto de vista pouco tido en conta, á hora de falar das persoas de maior idade. Esta reflexión deu pé a un documento onde se recollen propostas que pretenden ofrecer un amplo abano de necesidades e dereitos a ter en conta, que pode consultarse na seguinte ligazón

resultouche interesante?, comparte este artigo nas túas Redes Sociais.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest