A Federación Galega de Asociacións de Atención a Persoas con Parálise Cerebral e Patoloxías Afíns celebrou o pasado venres, 18 de xullo, o seu 25.º aniversario cun acto na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. A xornada serviu como homenaxe á traxectoria de compromiso social e de servizo ás persoas con parálise cerebral da federación e contou coa presenza da valedora do pobo, María Dolores Fernández Galiño.
Durante o primeiro diálogo, a valedora puxo de manifesto que, para lograr a plena inclusión, non só cómpre derrubar as barreiras físicas, quizais máis evidentes, senón tamén as “barreiras mentais”, é dicir, os prexuízos existentes sobre as persoas con discapacidade. Segundo explicou, estas barreiras mentais fanse especialmente patentes no ámbito do traballo. Neste sentido, María Maneiro, bolseira da institución con parálise cerebral, destacou a necesidade de que “as empresas nos perdan o medo e empecen a apreciar as nosas capacidades igual que fan coas persoas sen discapacidade”.
Para contribuír a ese obxectivo, Fernández Galiño referiuse ao programa de bolsas de formación que a institución puxo en marcha en 2021, dirixido a persoas con discapacidade física, psíquica e intelectual. Grazas a esta iniciativa, afirmou, “démonos conta das barreiras que tiñamos e da necesidade de melloras que nos facían falta na institución”. Tamén sinalou que o programa serviu para introducir cambios e propostas que non estaban inicialmente contempladas: “abrimos a mente no día a día e deixámonos sorprender polo que achegan as persoas, con melloras que non se nos ocorrían, e tamén con novas iniciativas”.
A seguir, desenvolvéronse outros catro diálogos que abordaron cuestións como a discriminación específica que sofren as mulleres con discapacidade, a importancia da vida independente e da figura da asistenta persoal, as situacións de discriminación na vida cotiá —como a falta de accesibilidade en rúas ou eventos culturais— e a necesidade de promover un lecer accesible.



