A valedora do pobo, María Dolores Fernández Galiño, participará mañá, 18 de xullo, no 25.º aniversario da Federación Aspace-Galicia (Federación Galega de Asociacións de Atención a Persoas con Parálise Cerebral ou Patoloxías Afíns), que terá lugar na Cidade da Cultura.
O acto ten o obxectivo de conmemorar os 25 anos de traballo da Federación e os avances para as persoas con parálise cerebral durante ese tempo en distintas áreas: emprego, ocio, igualdade de xénero etc. Para iso, celebraranse tres diálogos entre persoas con parálise cerebral que “rompen límites” en diferentes ámbitos e persoas que contribúen á superación deses límites.
O acto institucional inaugural correrá a cargo da presidenta da Federación Aspace Galicia, Concepción Somoza Torres.
A continuación, a valedora tratará as dificultades no eido do emprego acompañada por María Maneiro Maneiro, unha bolseira da entidade con parálise cerebral.
Para abordar a situación das mulleres, intervirán María Ascensión Rouco e María José Francos, mulleres con parálise cerebral participantes no proxecto “Mujeres” da Federación Aspace Galicia; e Ana Martínez e Fedra Alcaraz, integrantes da Morada Cooperativa.
Finalmente, Fernanda Arroxo Novoa falará da súa experiencia de vida independente xunto con Begoña Abel, a súa asistenta persoal.
Coa participación da valedora, a institución reafirmará o seu compromiso coa defensa dos dereitos de todas as persoas e coa súa colaboración con organizacións para seguir avanzado na promoción dos dereitos humanos e na integración social.
Datos do acto
Data: venres 18 de xullo de 2025
Hora: 11.00
Lugar: Centro de Innovación Cultural da Cidade da Cultura (Monte Gaiás, s/n, 15707 Santiago de Compostela, A Coruña)
Organiza: Federación Aspace-Galicia



