En defensa dos dereitos da muller

Todos os seres humanos somos iguais ante a lei, e debemos ter opción de gozar de idénticas oportunidades para desenvolver as nosas capacidades e talentos.

O Día Internacional da Muller, que conmemoramos este 8 de marzo, é un bo momento para a reflexión sobre os logros alcanzados nos últimos anos en materia de igualdade, pero debe servirnos especialmente para planificar retos pendentes para erradicar todas as formas de discriminación contra as mulleres e as nenas que persisten na nosa sociedade.

Como institución garante dos dereitos, desde a Valedora do Pobo traballamos cada día por unha sociedade máis xusta e mellor, onde homes e mulleres convivan en plena igualdade valorando a diversidade e potenciando o recoñecemento do papel da muller nunha sociedade que non pode excluíla nin menosprezala sen comprometer a xustiza.

Enfrontámonos con especial preocupación e dor aos casos de violencia de xénero, como unha manifestación, quizais a máis flagrante, de violación dos dereitos humanos. Calquera manifestación de violencia é un obstáculo infranqueable para a realización da plena igualdade entre homes e mulleres.

No noso quefacer diario podemos comprobar situacións que impiden participar ás mulleres con plenitude na sociedade na que viven. Seguen sen contar coas mesmas oportunidades no ámbito laboral, asumen cargas familiares de coidado de menores e de maiores, son vítimas silenciadas da multidiscriminación por razón de discapacidade, de etnia, de idade, de formación, etc.

Este ano, o Día Internacional da Muller preséntasenos como un movemento mundial promovido por Nacións Unidas en defensa dos dereitos das mulleres, unidas baixo o lema: “Pensemos en igualdade, construamos con intelixencia, innovemos para o cambio”.

Sumámonos ás peticións de Nacións Unidas na demanda de formas innovadoras que nos permitan avanzar na igualdade de xénero e no reforzamento do papel das mulleres. Queremos incidir especialmente nas esferas relativas aos sistemas de protección social e do acceso igualitario aos servizos públicos. Queremos máis e mellor formación para mulleres e nenas no campo das tecnoloxías, para que poidan desenvolver un rol activo na creación de sistemas máis inclusivos e servizos eficientes que respondan ás súas necesidades.

No día da muller, e todos os días, desde a Valedora do Pobo traballamos polo pleno recoñecemento de todos estes dereitos.

Milagros Otero Parga

resultouche interesante?, comparte este artigo nas túas Redes Sociais.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest